CIG-Ensino advirte que a non obrigatoriedade do exame de galego na Abau "incide na discriminación" da lingua

As medidas propostas polo Ministerio "inciden na discriminación das linguas cooficiais en relación ao castelán", lamenta o sindicato.
O obxectivo da futura proba de madurez é acabar coa anguria dos momentos previos á Abau, afirman desde o Goberno estatal. (Foto: Arxina)

#abau #selectividade #universidade #exame
photo_camera Estudantes a piques de comezar un exame da Abau, na proba do pasado ano, na Facultade de Comunicación da USC. (Foto: Arxina)

A nova proposta da selectividade presentada polo Ministerio de Educación "vulnera", denuncia a CIG-Ensino, "a igualdade que debe existir entre o galego e o castelán" nesta proba de acceso á universidade, pois "incide na discriminación" da lingua propia do país ao deixar en mans dos gobernos territoriais —neste caso a Xunta da Galiza— a decisión de estabelecer, ou non, a obrigatoriedade de que o alumnado se examine da materia de Lingua Galega e Literatura II

"Aínda estando de acordo en que as comunidades autónomas, como a galega, teñan maior ámbito competencial na ordenación académica e tamén no deseño desta proba", apunta o sindicato, as modificacións introducidas "inciden na discriminación das linguas cooficiais en relación ao castelán".

Segundo trasladaron nun comunicado, xa pediron a retirada concreta dese apartado, ao entender que "pon en dúbida a realización das probas nas materias específicas da especialidade de Lingua e Literatura Galega".

A proposta do sindicato é que, a nivel galego, se regule un novo Plan de normalización lingüística nas aulas e que, nas probas de acceso á universidade, "cando menos a metade" das materias, incluída a obrigatoria da modalidade de Bacharelato cursado, "teña que realizarse en galego".

Así mesmo, criticou que o Ministerio "regule de costas ao profesorado", a respecto dun tema no que a súa opinión "debería de contar máis aló das organizacións sindicais que o representa".

"De novo as normativas académicas ou ben se elaboran exclusivamente desde a sede ministerial ou se negocian coas administracións autónomicas na Conferencia Sectorial pero non se elevan á Mesa Sectorial docente para dar voz ao profesorado, que ve como se anuncian varios cambios ao longo dos últimos meses sobre unha proba na que a súa opinión debera contar", censuran.

Comentarios