Social

CIG denuncia o "escurantismo" da Xunta cos datos da COVID-19 nas súas residencias

Traslado residencia de maiores.
CIG-Administración Autonómica asegura que a Consellaría de Política Social non realizou, "nin ten pensado facelo", as probas da COVID-19 ao persoal que traballa nas residencias integradas con maiores con coronavirus.

A CIG-Administración Autonómica denuncia o "escurantismo" da Xunta por non dar datos sobre a afectación do coronavirus nin de persoas falecidas nos seus centros residenciais. Ademais, asegura que tampouco se lle dán os resultados das probas ás traballadoras e traballadores que deron positivo nos seus centros.

Segundo explica a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, a Xunta "comeza por fin" a realizar as probas da COVID-19 nos seus centros, "logo de numerosas reclamacións e denuncias por parte da CIG ou, simplemente, porque o numero de positivos era imposíbel de ocultar". 

"Ante o descontrol previo das medidas preventivas nos centros de traballo consideramos que facer test era a única forma de garantir a saúde laboral do persoal traballador e da poboación de alto risco á que se atende nos centros de Política Social", sinala Burgos. Porén, denuncia que "a día de hoxe non temos información nin confirmación oficial dos resultados deses test".

Burgos pregúntase por que a Consellaría de Política Social non dá os datos das persoas infectadas polo coronavirus nas súas residencias, malia requirirllo desde o comezo desta crise. "Négase a dar datos de usuarias infectadas, persoas falecidas por causa do virus e incluso non informa das persoas traballadoras que deron positivo dos seus centros", afirma. 

Este "escurantismo", constata, "non permite avaliar a dimensión real das contaxiadas polo virus, nin permite avaliar a efectividade das medidas de prevención postas en marcha para proceder a unha revisión ou modificación dos plans de prevención nos centros de Política Social".

Residencias integradas

Para a CIG-Autonómica é "máis escurantista, se cabe, a falla de información acerca das residencias integradas onde todas as usuarias son positivos en coroavirus, e o seu persoal traballa en quendas intensivas de 12 horas durante 7 días". Persoal ao que Burgos asegura que "aínda non se lle fixo un test para garantía e tranquilidade da persoa, das súas compañeiras e da súa familia, nin teñen pensado facerllo segundo confirma a propia Consellaría".

Para Zeltia Burgos "o colmo" é que se está a enviar persoal publico a residencias privadas, "con declaración de intervención ou integración ou sen ela, nunha estraña sorte de cesión de persoal onde só existen obrigas laborais e poucos dereitos e nin se garante nin un EPI axeitado e moito menos formación preventiva ante o contaxio da COVID-19".

Unha cesión provocada, nas súas palabras, "polo alto numero de contaxios entre usuarias e traballadoras en centros onde as medidas preventivas fronte á COVID-19 non existen". 

Test a usuarias e traballadoras

A CIG-Administración Autonómica demanda a "realización dos test a usuarias e persoal, que se nos dean os resultados e que se tomen as medidas de prevención necesarias xunto ás representantes do persoal". 

Burgos lembra que o pasado 26 de marzo entregaron á Fiscalía un informe coa situación a nivel de prevención de riscos laborais dos centros sociais residenciais dependentes de Política Social, entre os que figuran as residencias de maiores, as de menores e os centros de atención á discapacidade.