Familias de residentes do centro de Celanova denuncian a ausencia de persoal de enfermaría desde hai un mes

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).

Acusan as autoridades sanitarias de deixalos "abandonados á man de deus".

Familiares das persoas usuarias da residencia San Carlos de Celanova denuncian a ausencia dun servizo de Enfermaría no centro desde o inicio do brote de coronavirus nas súas instalacións, o pasado 18 de marzo.

Case un mes despois de que se detectase o primeiro caso de COVID-19 nesta residencia, as usuarias da mesma seguen sen dispor de persoal médico e de enfermaría residente, "deixáronnos abandonados á man de Deus", lamenta a portavoz das familias, María Rodríguez Mosquera en declaracións a Europa Press.

Desde o inicio do brote vírico, nesta residencia foron diagnosticadas 46 persoas maiores, explicaron as familias. Delas, 33 foron derivadas á residencia integrada de Baños de Molgas, 18 puideron volver ás súas instalacións tras curarse, sete afectados seguen recuperándose na San Carlos, onde permaneceron desde o principio, e seis faleceron.

Só 11 residentes deron resultados negativos nas PCR realizadas, pero unha das traballadoras coas que falou Europa Press --que prefire manter o anonimato-- asegura que os sete casos que quedaron na residencia "foron asintomáticos e seguramente xa están curados", polo que reclama que o Sergas volva realizarlles as probas, tanto a eles como ao persoal.

Nesta pandemia as usuarias non foron as únicos afectadas, e é que 58% do cadro de traballadores e traballadoras tamén está a sufrir a enfermidade. Ao longo deste mes desde o primeiro diagnóstico, 25 traballadoras tiveron que porse en corentena e "dos 29 empregados fixos do equipo inicial, só permanecen catro", explica a portavoz de familiares.

Entre os que "foron caendo" atópase a enfermeira desta residencia, explica unha das traballadoras deste centro. A outra persoa que conformaba o equipo de enfermaría "acababa de empezar e renunciou". Por este motivo, o centro non pode cubrir este servizo desde o 20 de marzo.

Tanto familiares como empregadas reclamaron a intervención da residencia e aínda que "nun principio" a Administración galega "dicía que a ía a intervir e de feito dixéronnos que preparásemos aos maiores para levalos a todos, ao día seguinte faltaba media hora para trasladalos e botárono todo atrás", apunta esta traballadora. "Non nos deron explicacións" e "tres días despois fixeron as probas masivas", engade.