Social

REDE denuncia á dirección de DomusVi na Fiscalía

Núñez Feixoo impuxo en 2016 a medalla de ouro do Círculo de Empresarios de Vigo a Josefina Fernández, máxima executiva de DomusVI (Imaxe: circulo.gal)
REDE pide que se investigue a Josefina Fernández Miguélez, CEO de DomusVi, e ao resto dos propietarios dese grupo tanto no Estado español, como en Francia e Inglaterra.

A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia REDE vén de presentar na Fiscalía Superior da Galiza unha ampliación das denuncias presentadas o día 27 de marzo contra a empresa DomusVi e outras xestoras de residencias polos delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro, imprudencia grave con resultado de morte e lesións, todo iso realizado "de forma dolosa, recollidos en diferentes artigos do Código Penal".                           

A denuncia pide que se investigue a Josefina Fernández Miguélez, CEO de DomusVi, e ao resto dos propietarios dese grupo, tanto no Estado español, Francia e Inglaterra, así como aos propietarios das demais residencias afectadas pola COVID-19 na Galiza.

"Non so é a COVID-19 a que mata aos anciáns senon tamén a imprudencia, abandono, neglixencia e falla de auxilio practicado nas residencias ás victimas, e que non se realizaron desinfeccións, nin limpezas axeitadas, nin se aplicaron as medidas adicionais recomendadas por Sanidade", salienta REDE nun comunicado emitido esta sexta feira. 

Desde REDE solicitan que a Fiscalía abra unha investigación e comece a recabar probas sobre o terreo a través da Policía Xudicial e que a envíe ás residencias. Así, piden que se recaben "as probas que permitan no seu momento concluír coa existencia ou non de delito no proceder dos propietarios das residencias e os seus directivos, así como do director de cada residencia".

"Entendemos que nas residencias se está a producir un auténtico xenocidio disfrazado de neglixencia", aseveran. 

Aforro de cartos

Denuncian que após varios casos de coronavirus confirmados DomusVi, e o resto das empresas que xestionan as residencias de maiores privadas da Galiza, non reforzou o persoal de limpeza e "decidiron aforrar cartos, tendo que ser os distintos medios da Administración pública os que finalmente acudiran". "E seguen acudindo a desinfectar as residencias, das que seus propietarios seguen desentendéndose e abandonando as súas obrigas de protección dos residentes", salientan.

Tampouco se reforzou, segundo a súa denuncia, o persoal de atención directa "a pesar de ser indispensábel para aplicar correctamente os protocolos que desde a Administración sanitaria se ían recomendando e publicando como de obrigado cumprimento".

En concreto, no escrito presentado na Fiscalía refiren que hai "casos graves" nas residencias DomusVi de Cangas e na DomusVi O Barreiro de Vigo; no centro de DomusVi en Carballo, na DomusVi Concepción Arenal e na de Matogrande, na Coruña; na DomusVi San Lázaro, de Compostela; na residencia de DomusVi en Chantada e na de Monforte; así como na DomusVi de O Pereiro de Aguiar. 

Omisión de auxilio

REDE considera que todos os problemas detectados nestas residencias obedecen a unha cuestión de "aforro" de cartos por parte das empresas xestoras, sinalando principalmente á multinacional DomusVi. Por iso, conclúe que "existiu claramente a omisión de auxilio" e "imprudencia grave con resultado de morte". "As vítimas o foron pola imprudencia da empresa que omitiu o auxilio", aseguran na súa denuncia.

A federación apunta que "as residencias actuaron con coñecemento e vontade" en todo momento, creando unha situación "da que se derivan 150 mortos e 1.300 afectados entre residentes e traballadores (a día 3 abril)". É por isto que afirma que "a conducta foi dolosa, xa que existe un coñecemento evidente por parte dos denunciados" de que "están a ocasionar esa situación de abandono".

"Podemos demostrar que estas conductas de abandono non son de agora", sinalan no escrito presentado na Fiscalía. "Nos últimos anos foron moitas as denuncias presentadas ante o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, dependente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade polos familiares de residentes en distintas residencias galegas, principalmente do grupo DomusVi, por diferentes situacións de abandono, neglixencia, imprudencia, maltrato institucional, incumprimento das ratios permitidas e aparición de brotes epidémicos (virus estomacal e sarna) que evidencian as constantes irregularidades que nelas se cometen", argumentan.