"As grúas para erguer persoas só aparecían na residencia cando viña a Inspección"

Fachada da residencia DomusVI de Sán Lázaro, Santiago (Imaxe: Arxina)
A pesar da crise que se está a vivir nas residencias de maiores concertadas e privadas da Galiza, convertidas moitas delas en grandes epicentros de coronavirus, na maioría dos centros non públicos segue habendo falla de material, de persoal e de medios residenciais, tal e como denuncian as traballadoras.  

“Temiamos que un virus como a COVID-19 puidese facer estragos nas residencias concertadas e privadas de maiores pola enorme falta de persoal e a escaseza de medios”, relata a Nós Diario Laura, traballadora en varios centros de maiores na zona de Vigo da empresa DomusVI e que prefire empregar un nome figurado . Ten 44 anos, dúas hernias nas costas e soporta unha operación por unha rotura no brazo a consecuencia de transportar maiores sen grúa.

"En 15 minutos tiñas que levantar coas mans unha persoa que ao mellor pesaba 90 kilos, levala ao baño, aseala, secala, darlle crema, se era home afeitalo, e vestilo. Non podías empregar máis tempo que un cuarto de hora, e dábanche os mesmos minutos para persoas dependentes e non dependentes", lembra Laura. 

Esta traballadora coincidiu na residencia das Salesas, no barrio de Teis, en Vigo, propiedade de DomusVI na actualidade e de Geriatros anteriormente, con Manuela, que prefire non dar o seu apelido. Ten 63 anos e traballou ademais de nas Salesas, no Barreiro, tamén de DomusVI e no centro da empresa Doral, no concello de Mos.

"En ningunha delas se cumpriu nunca a ratio" di, en referencia ao número que se estabelece de persoal necesario en función da cantidade de usuarias que ten un centro. "Nas Salesas, as grúas para erguer as persoas só aparecían cando viña a Inspección. Así estabamos todas as traballadoras, as maiores e as rapazas, coa columna desfeita, mentres que a mutua se desentendía, dicindo que xa tiñamos mal as costas de antes de traballar". 

Do seu paso polas Salesas, Manuela resalta precisamente os días en que aparecía o inspector, xa que eran as únicas veces en que se cumpría a ratio e había medios. "Como avisaban do control a empresa con días de antelación, Geriatros transportaba material e persoal de residencias de Cangas ou do Barreiro para que figurasen esa xornada no centro das Salesas". Apunta Manuela que chegaban a mobilizar empregadas que estaban desfrutando dos seus días de descanso.

"Tiñan as esponxas baixo chave e contabilizadas. Na residencia de Bembrive, en Vigo, era unha guerra diaria", lembra Jalda.

Tamén lembra que o mesmo acontecía cando visitaba o seu pai nas Salesas o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e a súa nai. O pai do mandatario foi residente nese centro, lembra Manuela.

Sonia Jalda, portavoz do colectivo  Traballadoras das Residencias de Galicia (TREGA), dá conta da falta de material nestes centros. "DomusVI aforra ao máximo en medios e persoal" e sinala, como mostra, a falta de esponxas para asear usuarias. "Tíñanas baixo chave e contabilizadas. Na residencia de Bembrive, en Vigo, era unha guerra diaria".

Nieves, outra empregada coa que conversou Nós Diario, realizou prácticas nas Salesas e lembra con especial amargura a escaseza de medios. "A falta de luvas era diaria e, para non ter que duchar persoas sen garantirlles protección ningunha, eu mesma decidía darlle a volta ás luvas e darlle un segundo uso".  

"A falta de luvas era diaria", critica Nieves

Sonia Jalda pon o foco en cuestións como a falla de luvas e doutros medios de protección como un dos factores que explican por que o coronavirus se estendeu descontroladamente en varias das residencias de DomusVI. 

"Como pode ser que a mesma empresa, DomusVI, teña en centros co mesmo número de residentes cadros de persoal diferentes?" pregúntase Jalda, sinalando que en Bembrive contan con psicóloga mentres que na de Aldán e o Barreiro carecen dela; motivos polos que Jalda denuncia que non hai "ningunha vara de medir" da Xunta para abrir unha residencia concertada. 

A falta de persoal e de medios continúa

Neste momento de crise e pese a que algunhas residencias concertadas e privadas, como varias de DomusVI, se convertesen en focos de contaxio da COVID-19, continúan as carencias.

"Non se están a cumprir as ratios de persoal, faltan medios e material", critica Jalda. Sinala ademais que "hai poucos días, no centro das Salesas, ordenouse ás traballadoras reciclar as máscaras durante unha semana e tivemos que levarlles 90 máscaras que  deu unha modista a TREGA”.

Jalda tamén sinala que na residencia de DomusVI en Ribadumia daban dúas máscaras á semana por persoa, e grazas á denuncia que realizou TEGRA, agora hai unha por quenda. "Na DomusVI de Lugo e Chantada recibimos queixas por falta de EPI (Equipos de Protección Individual) e outros medios de protección", critica. "A día de hoxe seguen a faltar batas, luvas, máscaras… e levamos xa un mes co coronavirus", relata a responsábel de TEGRA. “Non hai garantías para o persoal", conclúe. 

Onte mesmo, Comisións Obrerais denunciaba precisamente que a Xunta "nega material de protección" ao persoal das residencias integradas de Baños de Molgas e de Santiago á hora de regresar aos seus fogares logo de traballar con persoas contaxiadas de coronavirus. 

Prezos prohibitivos en centros sen medios

Unha praza nunha habitación dobre da residencia DomusVI de Cangas para unha persoa con dependencia baixa custaba en 2019 uns 1.950 euros ao mes, 2.151 se a habitación for individual. En media dependencia a individual chegaba a 2.274 euros e en alta dependencia, 2.346. A táboa de prezos é moi semellante en todos os centros desa empresa na Galiza.

"O resto de gastos como salón de peiteado, podoloxía ou asistencia médica especialista cóbrase á parte", sinala Sonia Jalda, da asociación TEGRA.

Outras traballadoras que pasaron polo centro das Salesas, en Vigo, sinalan que as dúas empresas que xestionaron esa residencia, DomusVI agora e antes Geriatros, "funcionan de cara á galería", mantendo "uns xardíns grandes, con moitas fontes e boa iluminación" mais sinalan que "toda esa imaxe de centro coidado é unha fachada baixo a que se agocha unha gran falta de persoal e de medios".