As residencias representan 22% dos casos de contaxio na Galiza pero 44% dos falecementos

Probas de detección de coronavirus nos coches (Imaxe: Europa Press)

A cifra de persoas infectadas por coronavirus supera as 6.000. O número de persoas dadas de alta é de 1.298.


 

As residencias, nomeadamente as privadas e concertadas, continúan a centrar a preocupación na Galiza na loita contra a pandemia da COVID-19.

Das 6.019 persoas que nesta cuarta feira, e segundo dados da Consellaría de Sanidade, están contaxiadas por coronavirus na Galiza, 1.348 están vinculados a estas instalacións: 929 persoas usuarias e 419 traballadores e traballadoras. Son 13 máis ca onte e eses 1.348 casos de contaxio representan 22% do total dos que hai na Galiza.

Mais é nos falecementos onde se centra a preocupación. Das 391 vítimas mortais que este virus provocou na Galiza 174 están vinculados ás residencias. É 44%, case a metade do total. Desas 174 persoas mortas, 92 foron en residencias e as 82 restantes en hospitais ou residencias integradas.

O número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende a 6.019, deles 1.280 son da área da Coruña, 589 da de Lugo, 1.193 da de Ourense, 505 da de Pontevedra, 1.085 da área de Vigo, 1.029 da de Santiago, e 338 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 128 permanecen en UCI (son 5 menos ca onte e aquí a tendencia continúa á baixa), 746 están en unidades de hospitalización e 5.145 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 1.298 altas de pacientes (medio cento máis en 24 horas) e 397 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 50.396.

A Consellaría de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.