A CIG chama a mobilizarse esta sexta feira polos migrantes asasinados en Melilla

Protesta do 27 de xullo contra a actuación marroquí no enreixado de Melilla. (Foto: Europa Press)
O principal sindicato galego exixe que se leven a cabo as investigacións necesarias para "depurar as responsabilidades oportunas".

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de facer un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo Foro Galego de Inmigración e SOS Racismo esta sexta feira 1 de xullo en varias localidades galegas para denunciar o asasinato de, cando menos, 37 persoas que intentaban cruzar o enreixado de Melilla "a mans das forzas represivas marroquís".

A central sindical exixiu esta terza feira unha "investigación" por parte das institucións internacionais de dereitos humanos sobre os mortos por tentar cruzar a fronteira que separa Melilla de Marrocos, para así "depurar as responsabilidades oportunas".

A xuízo da organización sindical, as imaxes difundidas en redes sociais "son un verdadeiro crime polo que os responsábeis deben ser xulgados por un tribunal internacional".

A CIG critica nun comunicado que "en plena euforia e propaganda" pola cimeira da OTAN que decorre estes días en Madrid, á vez que manifestacións na súa contra, "o imperialismo mostra, unha vez máis, a súa verdadeira cara" co ocorrido en Melilla.

"Subordinación" da UE

Segundo denuncia a central, a Unión Europea (UE) e os Estados que a compoñen "está subordinada, no plano económico, aos intereses do gran capital, e na súa estratexia xeopolítica aos do imperialismo colonial, opresor e belicista" de Estados Unidos e das potencias occidentais, "das que a OTAN é a súa principal garantía e instrumento".

Ademais, a CIG critica que se poñan "muros" para quen, "froito da desesperación, busca outras alternativas en occidente, até provocar a súa morte en cifras escandalosas" nun suceso "cunha tintura totalmente racista"; á vez que se chama a "acoller á xente que foxe de Ucraína".

Por todo iso, o sindicato súmase ás peticións para abrir unha "inmediata investigación e asunción de responsabilidades", tanto por parte de Marrocos como do Estado español.

"A clase traballadora do mundo non está dividida por fronteiras, cor, relixión, xénero ou raza. Únea a loita común contra a pobreza, o desemprego e o desarraigamento, a inxustiza e a opresión dos nosos pobos", conclúe a CIG.