SOCIAL

A Valedora do Pobo vai investigar a falta de persoal no Hospital de Ourense

Hospital de Ourense (Sergas).

Enfermeiras de Reanimación do hospital de Ourense fan pública a falla de persoal após dous anos reclamando ao Sergas. A Valedora do Pobo vai investigar a situación no CHUO e xa solicitou á Consellaría de Sanidade a información para comprobar se neste servizo se cumpren as recomendacións internacionais sobre o número de profesionais que son necesarias por paciente. 

"Non pedimos nada para nós, pedimos seguridade no noso traballo para poder darlle a mellor atención ás nosas pacientes". Enfermeiras do Servizo de Reanimación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) fan pública a súa denuncia pola falla de persoal, que incumpre a ratio de profesionais necesarias segundo o número de persoas enfermas que teñen que atender, após case dous anos de reclamacións internas no Servizo Galego de Saúde (Sergas). 

Atendendo á clasificación TISS 28, que é a escala internacional máis sinxela para medir a carga de traballo das profesionais da enfermaría en función da gravidade dos seus pacientes, as persoas que ingresan na área de Reanimación dos hospitais correspóndese coa "clase III" e requiren que haxa unha enfermeira por cada dous pacientes, en función do seu estado hemodinámico.

Esta clasificación é a que empregan, por exemplo, no Ministerio de Sanidade para abordar as súas recomendacións. "Esa é a dotación que se ten instaurado no Servizo de Reanimación do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), que é, por características demográficas, o mais semellante ao noso", explica a Nós Diario María Nieves García, enfermeira do Servizo de Reanimación do CHUO. 

Porén, García traslada que no seu servizo hai "12 camas", con "dúas máis para ampliar" cando fecha a sala do despertar ou URPA. "E somos cinco enfermeiras e catro auxiliares de enfermaría (TCAE) nas quendas de mañá e de tarde, mentres que de noite seguen cinco enfermeiras con tres auxiliares", di. 

Isto supón, dependendo das camas ocupadas, que cada enfermeira ten que atender entre dous pacientes e medio e tres. Cómpre lembrar que se trata de persoas intubadas ou con ventilación mecánica que están monitorizadas e con medicación para manter a súa estabilidade. García apunta que a maioría son persoas "con máis dun fallo orgánico".

Sen resposta do Sergas

Ano e medio despois de solicitar unha xuntanza, o pasado mes de febreiro reuníronse coa dirección de enfermaría do CHUO e saíron "sen nada". Desde ese momento teñen presentado varias reclamacións por escrito no rexistro do hospital e dirixíronse ao xerente da área sanitaria, Félix Rubial, así como ao xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, á Inspección de Sanidade, á Inspección de Traballo e á Consellaría de Sanidade. 

"Xa non sabemos que facer", di García, que logrou que a Valedora do Pobo solicite á Consellaría a información sobre a situación do seu servizo e vén de iniciar unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org baixo o epígrafe "1 enfermera de Reanimación por cada 2 pacientes críticos", coa que pretende chamar a atención do conselleiro Jesús Vázquez Almuiña. 

En 2017 asinaron un acordo coa xerencia da área sanitaria de Ourense polo cal se lles asignaban "reforzos" de persoal cando o solicitaban, en función da carga asistencial. Mais cos cambios na dirección, que pasou por catro mans en dous anos e medio, este pacto xa non se respecta.

"Consideran que nós non temos a capacidade de decidir cando necesitamos máis persoal e non nolo mandan. Por iso estamos agora, de novo, con esta loita", afirma García, que aclara que "ás veces necesitas máis persoal non polo número de pacientes, senón pola gravidade de cada unha delas".

Complicacións coa COVID-19

Coa pandemia da COVID-19 a súa situación complicouse "aínda máis" se pretenden "garantir as medidas de seguridade e non transmisibilidade da enfermidade" ás doentes, ás compañeiras e ao seu entorno mais próximo.

María Nieves García conta que, ao principio, no CHUO "ingresaban a todas as doentes sospeitosas de COVID-19" no seu servizo, en Reanimación. "Era o momento máis crítico porque esas pacientes chegaban moi apuradas, había que intubalas, que é o momento máis crítico en canto á diseminación da enfermidade porque se producen moitos aerosois, e permanecían aquí até que chegaba o resultado da proba de coronavirus. Se era negativo pasaban para a UCI, e cando daba positivo ían para a URPA. Chegou un momento no que xa non había capacidade na URPA, porque había xa 20 doentes, e tiveron que quedar en Reanimación", relata. 

A enfermeira abunda que "a UCI COVID-19, a nosa URPA, si que estaba ben dotada de persoal; pero as compañeiras que estabamos en Reanimación, pois non". 

Porque segundo salienta García, "unha enfermeira necesita un apoio" que estea fóra do box fechado no que está a doente. Ao ser un espazo no que "conviven" pacientes coa COVID-19 e sen ela, unha vez que entran nun box e poñen o traxe de protección non poden saír a pola medicación nin o material que precisan para atender á persoa enferma. 

Ademais, as máquinas para sacar a medicación funcionan con impresión dixital e dependendo da categoría profesional dá acceso a uns fármacos distintos. Por iso, evidencia a enfermeira, é necesario que unha quede fóra para axudar á que entra no box coa paciente. 

A tensión foi máxima, segundo o seu relato destes dous meses de pandemia. García lembra unha quenda de noite na que tiña un compañeiro para dous pacientes con coronavirus ao que tiñan que dar apoio desde fóra, e mais outras sete doentes "moi moi graves". "Ese día volvimos pedir máis persoal pero nolo negaron", afirma. 

"Como entro correndo se a compañeira xa está dentro?", di sobre a posibilidade de que haxa varias urxencias entre as doentes coa COVID-19 á vez, "teño que poñer o traxe, que se o quero facer ben lévame entre 10 e 15 minutos, e despois non hai ninguén fóra que me poida dar a medicación". "É algo imposíbel", conclúe.