Coronavirus: 2.008 casos activos nunha xornada sen vítimas mortais

Análise de coronavirus nun laboratorio (Imaxe: Marwan Naamani)

O número de persoas curadas elévase a 8.283.

Os dados da Xunta sobre o coronavirus indican que na xornada de onte, quinta feira, non houbo vítimas mortais como consecuencia da COVID-19. Os falecementos por este virus nestes dous meses de estado de alarma son 601. Baixa a cifra de casos activos e aumenta o de persoas curadas ao tempo que as ingresadas na UCI mantense, cun leve aumento.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende a 2.008, que son 62 menos ca onte.

Deles 494 son da área da Coruña, 122 da de Lugo, 320 da de Ourense, 107 da de Pontevedra, 478 da área de Vigo, 413 da de Santiago, e 74 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 22 permanecen en UCI 1 máis que na quinta feira), 111 están en unidades de hospitalización e 1.875 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 8.283 persoas curadas, rexistrándose 601 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 122.456.

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 344 casos activos (41 menos que onte), dos que 197 son de persoas usuarias mentres que 144 son de traballadoras e traballadores.

No que atinxe a falecementos, mantense en 269: 132 en residencias e 137 en hospitais e residencias integradas.