Sen inmunidade, distancia social e vacina

O estudo estatal de seroprevalencia combina os tests rápidos e a técnica de Elisa (Europa Press).
Os resultados preliminares dos estudos de epidemioloxía apuntan unha prevalencia moi baixa da COVID-19 na Galiza. Ante o risco de segundas vagas, a distancia social, a detección precoz e a busca de vacina antóllanse ferramentas fronte ao novo coronavirus.

Galiza, ao igual que o resto do Estado, está lonxe de acadar a inmunidade de grupo fronte ao novo coronavirus. Segundo as primeiras estimacións do Ministerio de Sanidade, impulsor do estudo de sero-epidemioloxía ENE-COVID sobre a prevalencia do virus en España, só 2,1% da poboación galega estivo en contacto co SARS-CoV-2 e tería xerado anticorpos contra a enfermidade, a COVID-19.

É unha das primeiras conclusións da investigación, que ao longo das próximas semanas vai continuar coa toma de máis mostras e a suma de probas adicionais que bucan "asegurar a fiabilidade dos resultados". De momento son provisionais, e ademais dunha gran variabilidade entre territorios, confirma que a prevalencia entre homes e mulleres é moi similar e menor entres as crianzas e a mocidade.

Malia as diferenzas, o estudo estatal confirma a tendencia dos datos avanzados pola enquisa epidemiolóxica do Sergas, cuxos resultados preliminares apuntan que só arredor de 1% da poboación galega entrou en contacto co virus. Segundo o ENE-COVID, terían pasado a enfermidade unhas 57.000 persoas, mentres que a investigación da Xunta rebaixa ese número a 27.000.

O mapa de prevalencia da COVID-19 confirma a relación directa entre a doenza e a aglomeración demográfica.

Carlos Pereira, profesor de Viroloxía e Epidemioloxía na facultade de Bioloxía da Universidade de  Compostela (USC), recoñece que non esperaba un resultado ínfimo como o que revelan, de inicio, ambas as investigacións.

"A verdade é que non contabamos cunha porcentaxe tan baixa de seroprevalencia. O esperábel e o idóneo sería ter acadado un 50 ou 60%, porque iso, como grupo, daríanos unha protección máis alta fronte a unha segunda vaga de contaxios".

Segundo explica, esta porcentaxe mínima pode ser consecuencia de que o virus "non sexa tan inmunoxénico como pensamos, algo que hai que seguir investigando". Mais tamén pode ter que ver coa fiabilidade dos tests, precisa. 

O Ministerio de Sanidade, a diferenza da Administración galega, emprega dúas tecnoloxías no seu estudo. Combina "os tests rápidos, de 20 minutos, cunha técnica clásica, denominada Elisa, que require unha extracción de sangue". Os datos preliminares non recollen o resultado deste segundo sistema, polo que Pereira apunta unha "sensibilidade baixísima" das primeiras probas.

Até que non chegue a vacina será difícil conseguir a inmunidade de rabaño.

"A técnica de Elisa dura entre tres e seis horas. Hai colegas inmunólogos que para conseguir un bo sinal de inmunidade e confirmar un positivo realizan incubacións de até un día. Un test de 20 minutos non pode ser tan sensíbel. A esperanza é que cos datos que nos ofrezan máis adiante descubramos unha porcentaxe máis alta de persoas infectadas", explica o experto en viroloxía.

Con todo, até que non chegue a vacina, será difícil conseguir a inmunidade de rabaño. E mentres tanto, Pereira prognostica unha segunda vaga de contaxios cara ao mes de outono. "Nese momento o virus comezará a circular de novo", o que non significa que agora desapareza. "Está sempre presente, pero contra o inverno contará con condicións máis favorábeis para unha transmisión eficaz". E se nada cambia, "volveremos ter momentos de corentena necesarios", advirte.

Prevención e rastrexo

Para o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Francisco Caamaño Isorna, só a prevención, a detección precoz e o rastrexo de contactos poden conter a propagación da enfermidade, "mesmo até o punto de previr un novo confinamento colectivo".

"É o momento da distancia social, da responsabilidade individual, do lavado de mans sistemático e dunha nova normalidade que nos vai acompañar durante moito tempo, no traballo e nos espazos públicos, onde haberá que minimizar o contacto con outras persoas e tamén cos obxectos que utilicen".

Caamaño Isorna non cre que esteamos máis expostas a brotes explosivos. "Que haxa 1 ou 3% de persoas inmunizadas apenas ten relevancia para a transmisión da enfermidade. Estamos no mesmo punto que hai dous meses, pero nun contexto diferente, moito máis advertidos e cun sistema sanitario reforzado".

Xeodemografía

Desde o punto de vista da xeodemografía, o mapa de prevalencia da COVID-19 confirma a relación directa entre a doenza e a aglomeración demográfica. "Canto maior é a densidade demográfica sobre o territorio, maior difusión e transmisión", observa o profesor de Xeografía Humana da USC Carlos Ferrás, quen considera que, na Galiza, "o hábitat desconcentrado de forte pegada rural herdado do pasado pode ser positivo".

"Os galegos e galegas temos a oportunidade de habitar a distancia", di, sen desoidar que seguimos sendo candidatos a un rebrote nun escenario sen vacina. Ferrás avoga por anticipar medidas de control da importación de casos externos, así como a vixilancia diaria dos grupos de risco. "O alto avellentamento das áreas rurais pode ser un factor de risco engadido, e aumentará coa exposición na súa vida cotiá diante da aglomeración. Cómpre un control eficaz da mobilidade demográfica".

Información local

Carlos Ferrás urxe información local. "Boto en falta que a Xunta da Galiza elabore mapas detalle dos focos de risco a nivel comarcal e que os mostre publicamente para que a sociedade poida concienciarse e a Administración poida organizar territorialmente a súa intervención sanitaria de salvagarda".