SOCIAL

51% dos casos de COVID-19 activos na Galiza son de persoal sanitario

Enfermeira no quirófano (Ariadna Creus e Àngel García/Banc d'Imatges Infermeres).
O Sergas confirma que hai 2.066 positivos en coronavirus entre as súas traballadoras até o día de hoxe. O número de profesionais da sanidade pública contaxiadas incrementouse en máis de 300 nos últimos sete días. 

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou esta sexta feira que os positivos de COVID-19 entre as súas traballadoras ascende a 2.066 desde que comezou a pandemia.

Dos casos confirmados, segundo puido saber Nós Diario, 1.035 profesionais sanitarias xa foron dadas de alta e están dispoñíbeis para regresar aos seus postos de traballo. 

Desta maneira, o Sergas traslada que neste momento ten 1.031 profesionais contaxiadas pola COVID-19 que aínda non superaron a enfermidade

Isto supón que o 51% dos casos de coronavirus activos na Galiza son persoal sanitario, pois na actualización desta sexta feira a dirección xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou de que o número total de casos activos de coronavirus no país ascende a 2.008

Para o Sergas estes 2.066 positivos están relacionados co incremento de probas de detección do coronavirus entre as profesionais da sanidade pública. Ademais, aseguran que se están a realizar as probas a todas as traballadoras, mais fontes sindicais consultadas por Nós Diario apuntan que o están a facer "a un ritmo moi lento" e "non nas dúas semanas nas que se comprometera Feixoo".

Así, nos últimos sete días pódese constatar un aumento de 358 casos de COVID-19 entre o persoal do Sergas, pois Nós Diario publicou o pasado día 7 que había 1.708 positivos. Hai pouco máis dun mes, o 7 de abril, eran 600 os casos de coronavirus entre as sanitarias. 

A maioría dos novos casos detectados son profesionais que non presentaron síntomas de ter a enfermidade, polo que se incrementa o risco de que sexan vectores de contaxio sen sabelo.