As chaves da "guerra pola auga" en Ferrol

Depuradora de Ferrol (Foto: Remunicipalizar Ferrol),
Os Concellos de Ferrol e Narón e a Xunta da Galiza veñen mantendo unha disputa acerca da xestión da depuradora de Ferrol que, para o alcalde ferrolán, debe ser de xestión municipal.

O Concello de Ferrol e a Xunta da Galiza veñen mantendo nos últimos tempos unha 'pugna' a respecto da xestión da auga no municipio.

Esta terza feira o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), asegurou que non vai "permitir que a Xunta lle entregue o sistema de saneamento a unha empresa privada para que acabe saíndo máis caro aos ferroláns porque así o queira Augas da Galiza".

Así o explicou ao ter coñecemento de que Augas da Galiza, dependente da Xunta, asegurou que vai "asumir a xestión" do saneamento [unha depuradora] na zona norte da ría de Ferrol, que afecta os municipios de Ferrol e Narón.

Segundo Mato, "todo o mundo sabe que Augas da Galiza non opera depuradoras" e que "o que fai é abrir licitacións para entregarllas a empresas completamente privadas".

O rexedor socialista lembrou que o saneamento "é unha competencia municipal e o Concello de Ferrol ten o medio propio para prestar esa competencia", en alusión á empresa mixta de augas de Ferrol (Emafesa), na que a Administración local posúe unha participación de 51%.

"O goberno local de Ferrol vai defender que a depuración se preste a través da empresa na que o Concello ten a participación maioritaria. De querer quitarlle a competencia a Ferrol, Augas da Galiza tería que aterse ás consecuencias, que non serían poucas", advertiu Mato.

Resposta de Narón

Desde o Concello de Narón, a súa alcaldesa, Marián Ferreiro (Terra Galega), asegurou que o anuncio de Augas da Galiza "supón unha boa noticia" e algo que xa se demandaba desde o municipio.

Ferreiro apuntou que ela era coñecedora, "porque así o comunicaron desde Augas da Galiza", de que se estaba realizando unha auditoría para "á fin sacar a licitación a xestión desta infraestrutura".

"A licitación que vai realizar a Xunta entendo que é beneficiosa para os dous concellos, porque estimamos que así se abaratarán custos, ao concorrer ao concurso varias empresas, co cal entendemos que sempre será mais económico", resolveu Ferreiro.

"O custo recae na veciñanza"

O portavoz do BNG e candidato á Alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, manifestou a Nós Diario que "se lle cobrou á veciñanza os custos dun servizo que non se presta debidamente".

Para o nacionalista, "Augas da Galiza non pode ser a responsábel da xestión das augas de Ferrol e é esperpéntico que PP e PSdeG garden as costas deste organismo e non lle exixan as responsabilidades pertinentes".

Postura de Augas da Galiza

A través dun comunicado, Augas da Galiza lembrou que o saneamento é realizado por Emafesa, "por un convenio que está en vigor até finais de 2023", polo que "ambos os municipios teñen máis dun ano por diante para chegar a un acordo sobre a fórmula de xestión do sistema.

Se este acordo non se materializa, "a alternativa final sería que Augas da Galiza realizase as actuacións necesarias para asumir a súa responsabilidade. De acordo con o estabelecido na Lei de Augas para as infraestruturas declaradas de Interese Xeral, a Xunta deberá asumir a responsabilidade", anunciou o organismo.