Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón: "Para ser alcaldesa, como en todos os ámbitos da sociedade, ser muller implica un plus de dificultade"

Marián Ferreiro é alcaldesa de Narón desde 2017, após a renuncia do seu antecesor no cargo , Xosé Manuel Branco. Nas eleccións de 2019 revalidou o seu posto como rexedora pola candidatura de Terra Galega. Nós Diario conversa con Ferreiro sobre Narón e os plans de futuro para a localidade.
Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón (Foto: Concello de Narón).
photo_camera Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón (Foto: Concello de Narón).

—Participou recentemente no I Encontro de Alcaldesas. Segue a ser un territorio difícil para as mulleres a Alcaldía?

A Alcaldía é un territorio difícil sempre, xa que as alcaldesas e os alcaldes somos os responsábeis políticos máis próximos á cidadanía. Hai un plus de dificultade por ser muller? Si, como en todos os ámbitos da sociedade. Por iso o feminismo segue sendo tan necesario como sempre.

—Narón, a oitava cidade da Galiza, máis que nunca aparece nese grupo coa Coruña, Santiago… que necesidades ten a cidade?

Narón é a oitava cidade da Galiza encabezando o grupo de municipios que non teñen esta consideración histórica, pero que claramente son importantes territorios urbanos a día de hoxe. Os concellos de máis de 20.000 habitantes supomos máis de 16% da poboación galega e como tal compartimos unha serie de necesidades específicas que as grandes cidades si teñen máis ou menos resoltas. Podemos falar do transporte urbano e interurbano ou do financiamento.

—Coa pandemia os concellos asumiron máis servizos, pero o financiamento segue a ser un dos seus puntos febles. Que se pode facer ao respecto?

Si, durante a pandemia asumimos moitas máis competencias das que nos correspondían, o que xerou enormes tensións. Os concellos fomos a primeira barreira de contención e iso puxo o sistema en continuas situacións de dificultade. 

Houbo que derivar recursos inicialmente previstos para outros ámbitos a combater os efectos da pandemia. Ademais, a actuación das Administracións supramunicipais moitas veces foi improvisada ou pouco planificada, impulsando normas e restricións que coñeciamos no mesmo momento en que entraban en vigor, sen marxe para tomar medidas.

Evidentemente, esta situación puxo negro sobre branco a necesidade de revisar o financiamento municipal, que xa era insuficiente con anterioridade. 

—Que proxectos fican por desenvolver en Narón?

Temos en marcha importantes proxectos que, se todo vai ben, veremos rematados pronto. Aí está a rehabilitación, posta en valor e musealización do muíño de Xuvia, unha das nosas xoias patrimoniais. 

Tamén están en marcha as obras de conexión dos paseos de Freixeiro e Xuvia mediante unha senda peonil e ciclista, o que permitirá gozar dun enorme espazo verde en pleno Narón. 

—Terra Galega impulsa a iniciativa Cóntanos!, para coñecer as opinións e necesidades da cidade. Que valoración fai desa iniciativa?

Trátase dunha iniciativa que, con diversas denominacións e matices, facemos asiduamente en cada mandato. Queremos achegarnos a todos os barrios e parroquias e escoitar de primeira man a veciñanza: as cousas que van ben, as que non van tan ben. Así que a valoración sempre é positiva porque sempre é positivo escoitar as túas veciñas e veciños.

—Que papel deben ter as cidades, e o concello de Narón entre elas, na Galiza do século XXI?

As cidades deben ser lugares nos que se presten todos os servizos que a cidadanía necesite. 
Deben ser espazos cada vez máis humanizados. As cidades, por tanto, deberán estar dotadas de amplos espazos verdes, favorecer formas de mobilidade alternativas, ser eficientes enerxeticamente e responsábeis co medio ambiente e mais cos seus habitantes.

Comentarios