Entrevista

César Otero (Pizzas do País): "Traballar con produtos da terra é máis sinxelo que cos de fóra"

César Otero, de Pizzas do País, traballando co forno de leña portábel. (Foto: Nós Diario).
César Otero, co seu negocio, Pizzas do País, aposta por nutrirse dos ingredientes que ten ao seu redor para elaborar o seu produto final.

Empregar produtos de proximidade e esforzarse por usar métodos tradicionais nun pequeno negocio de restauración non só é posíbel, senón que tamén é rendíbel. Así o demostra César Otero, que co seu negocio, Pizzas do País, como o propio nome do proxecto indica, aposta por nutrirse dos ingredientes que ten ao seu redor para elaborar o seu produto final.

“Sempre me preocupei por comer ben, con produto da casa, da terra, e de aí o nome e o proxecto”, explica Otero. “Mudeime a unha casa con cociña de ferro, e empecei a facer pan e despois pizzas nela, as miñas amizades animáronme a probar a vendelas, e o que comezou como unha forma de socializar, como un complemento, tivo moi boa acollida, e rematei por decidir apostar por dedicarme a isto”, sinala.

“Funme dando conta de que había mercado, que non había moitos negocios que apostasen polo noso concepto, e cando me pasei ao forno de leña (antes traballaba cun normal) xa comezamos a marcar moito máis a diferenza”, salienta. “Foi algo natural e espontáneo, non tiña pensado dedicarme a isto, mais descubrín que é o que me gusta”, destaca Otero.

“Traballar con produtos da terra é máis sinxelo que cos de fóra. Telo ao carón da casa e son de calidade, eu traballo case sempre entre a Galiza e Asturias, e en ambos os casos hai moita produción do sector primario”, afirma. “A fariña, por exemplo, consígoa nun muíño de pedra que teñen en Lalín [comarca do Deza], onde me garanten que é trigo galego e que realizan unha moída adaptada para as miñas pizzas”, engade.

“Podería apostar por un queixo ‘perralleiro’ sen saber a súa orixe para abaratar custos, pois claro, mais perdería a esencia do meu negocio, que é traballar directamente con produtores e ter tamén cousas da miña horta, como por exemplo a cebola, o allo, o tomate, as especias ou os pementos”, explica o rexedor de Pizzas do País.

“É rendíbel, pódense conseguir provedores de confianza e non se che sobe moito o prezo. Sempre se poden conseguir cousas máis baratas de fóra, mais como digo, tamén baixas o valor do teu produto final”, sentencia. “A garantía da calidade das miñas pizzas e o que me dá a garantía de que me compren, e iso é que fai que o meu negocio funcione”, explica. “É rendíbel, sinxelo, agradecido, e sobre todo, é o mellor para todos e todas”, acrecenta Otero.

Especialidade da feira de Arzúa

César Otero non só emprega os produtos de proximidade dos seus produtores habituais, senón que tamén intenta ter “un detalliño” con aqueles lugares que visita. A pasada fin de semana estivo na feira do queixo de Arzúa, e alí “cambiamos a catro queixos pola ‘Arzúa e compañía’ como unha maneira de introducir o produto da zona”. “Traballouse xenial en Arzúa, había moita xente a pesar do mal tempo. As queixarías acabaron con todo o produto e nós traballamos moitísimo, batemos o récord de vendas nun día”, afirma.

“Gústame traballar de forma itinerante. Vivo nun lugar tranquilo sen moito ambiente, e acudir ás feiras permíteme gañarme a vida ao mesmo tempo que socializo e desfruto do lugar”, sinala Otero. “Ten o seu punto de sacrificio e esforzo, xa que tes que viaxar con todas as túas cousas e despois adaptarte á climatoloxía, mais lévoo ben”, conclúe.