O Certificado Covid será obrigatorio para acceder a bares e restaurantes da Galiza desde este sábado

Unhas persoas cean nun restaurante da Coruña o pasado mes de abril. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de autorizar a medida da Xunta para intentar frear os contaxios, que seguen en aumento. Os parámetros deste novo paso fronte á pandemia aparecen publicados no DOG de forma que estarán activos desde mañá. Así, será preciso amosar o pasaporte para acceder aos "interiores" dos restaurantes e dos bares, estes últimos a partir das 21 horas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu o visto e prace á Xunta a implementar o Certificado Covid para permanecer nos "interiores" de restaurantes e nos bares (neste caso só a partir das 21 horas) como se adiantara esta semana sobre as consideracións do Goberno galego e o sector para intentar reducir o número de contaxios polo virus.

O pasaporte, que xa era requerido no lecer nocturno, nos albergues de peregrinos (sempre e cando estean ao 100% da capacidade en habitacións compartidas) e para as visitas e acompañantes de pacientes ingresados na rede de hospitais do país.

A medida sairá publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG), nunha nova versión desta sexta feira, de maneira que os novos requerimentos entrarán en vigor desde mañá e, polo de agora, até o 18 de decembro.

A documentación deberá ser solicitada a todas as persoas maiores de 12 anos, debido a que é a poboación diana que xa puido acceder á vacinación fronte o coronavirus.

A Sala entende que esta medida cumpre co requisito de temporalidade esixido polo Tribunal Supremo e destaca que non só cumpre a función de "evitar contaxios, senón tamén de minimizar os riscos", pois lembra que é "unha evidencia científica" que a transmisión da Covid-19 entre os vacinados é "moito menor á dos non vacinados".

Non é un "sacrificio desproporcionado"

Os maxistrados inciden en que esta medida permite "uns niveis maiores de ocupación (xa que non se reducirá o 100% da capacidade), pero garantindo a seguridade sanitaria" e consideran que está xustificada porque a exhibición da documentación pídese para entrar en espazos fechados "nos que se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión".

No auto, tamén indican que este tipo de negocios son "lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención", ao que "pode contribuír o consumo de alcol".

Entre os seus argumentos, o TSXG asegura que a implementación da medida non supón "un sacrificio desproporcionado", pois a exhibición do certificado requírese "para o desenvolvemento dunhas actividades de lecer onde a entrada ou o acceso ao estabelecemento é voluntaria".

O alto tribunal galego tamén advirte no auto que a situación epidemiolóxica de Galicia está "a empeorar", polo que, segundo a sala, "as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é a hostalería, precisan continuar con medidas específicas de control".

Sen necesidade de permiso xudicial

Tamén se confirmou, isto si xa nunha segunda versión do DOG -e sen a intervención xudicial-, que os grupos de xente van quedar reducidos a un máximo de nove persoas na hostalaría, o ocio pola noite e os eventos con cóctel.

Ao igual que sucede co Certificado Covid, tamén estes límites chegan este sábado día 27 de novembro, baixando en dúas persoas os máximos que estaban estabelecidos até agora no interior dos negocios. Nas terrazas a restrición chegará a 15 persoas no lugar de 20, como quedara o permiso.