Sanidade insta os territorios a vacinar “canto antes” coas doses de reforzo

A ministra Carolina Darias, que compareceu após a reunión de traballo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, tamén comunicou o acordo de manter as mesmas capacidades nos eventos deportivos malia a evolución epidemiolóxica negativa.

A ministra Carolina Darias após a reunión desta cuarta feira. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera A ministra Carolina Darias após a reunión desta cuarta feira. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

É preciso inocular “canto antes” a dose de reforzo da vacina da Covid-19 a todas aquelas persoas que as precisen e aínda non foran tratadas. Así o comunicou esta cuarta feira ás autoridades dos distintos territorios do Estado español a ministra de Sanidade, Carolina Darias.

Na habitual comparecencia posterior ao encontro semanal do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), Darias incidiu en que “é fundamental ter vacinados a estes colectivos, un total de 16 millóns de cidadáns, antes de finalizar este ano e, se é posíbel, antes das festas do Nadal".

A representante do Goberno de Pedro Sánchez considerou fundamental “acelerar” a campaña de protección fronte o coronavirus dado o incremento dos contaxios detectado nas últimas datas e tendo en conta a maior interacción social e a maior mobilidade prevista para decembro.

Máis aló daqueles colectivos de calquera idade que teñen situacións concretas que recomendan a vacinación, pediu apurar as picadas na poboación de máis de 60 e 70 anos.

Respecto desta última sinalou que a porcentaxe é do 50% da cidadanía diana tratada e “isto hai que incrementalo” para reducir a vulnerabilidade.

"Hai que poñer a énfase na vacinación, tamén das doses de reforzo, xunto coas medidas de prevención: máscara, lavado mans, ventilación dos espazos, e evitando as aglomeracións", reivindicou.

Ao respecto doutras medidas para reducir a afección da pandemia, a titular de Sanidade aclarou que todos os axentes reunidos no consello acordaron que a capacidade de público das actividades deportivas continúe ao 100% en exteriores e ao 80% en interiores a pesar da situación.

En todo caso fixo un chamamento para que se respecte nos estadios de fútbol e baloncesto a norma que obriga a utilizar a máscara.

Comentarios