Portugal recupera o certificado covid para os locais de hostalaría

 O Goberno aposta por reforzar a vacinación
UCI de coronavirus nun centro hospitalario de Portugal, no pasado mes de febreiro. (Foto: Rita Franãa / Sopa Images via Z)
photo_camera UCI de coronavirus nun centro hospitalario de Portugal, no pasado mes de febreiro. (Foto: Rita Franãa / Sopa Images via Z)

Os Executivos europeos axilizan novas propostas para facer fronte ao avance da pandemia. Neste sentido, o Consello de Ministros de Portugal aprobou nesta quinta feira un novo paquete de medidas que nalgún caso significan recuperar alternativas xa aplicadas noutros momentos da epidemia. En todo caso, as mesmas son resultado dun amplo consenso entre as diversas forzas políticas, que ao longo dos últimos días reuníronse en diversas ocasións para fechar o acordo.

As novas disposicións legais recollen a obrigatoriedade de presentar o pasaporte covid para poder acceder a bares e restaurantes.

Segundo fixeron saber as autoridades lusas, esta medida non vai acompañada de propostas adicionais para o sector, ao que non lle marcan limitacións na capacidade dos locais nin lle reducen o horario de atención ao público. Porén, non fechan a porta a esta posibilidade, en función de como evolucione a pandemia nos próximos días.

Os responsábeis sanitarios portugueses poñen o foco na hostalaría. A este respecto, recoñeceron que non adoptaron medidas máis duras nestes establecementos polo seu impacto económico pero adiantaron que están preparadas para entrar en vigor se son necesarias.

Na mesma liña, a patronal portuguesa da hostalaría fixo un chamado aos seus socios para extremar as precaucións e non descartou que no caso de non conterse  o virus os locais rematarán fechados.

Terceira dose

A totalidade das forzas políticas de Portugal coincidiron na necesidade de reforzar a vacinación. Nesta dirección, o Ministerio de Saúde adiantou que o plano de vacinación foi revisado, reducindo o prazo de agarda para inocular a terceira dose de seis a cinco meses e ampliando o subministro da vacina de reforzo a todos aqueles que recibiron o soro de Janssen. 

O Goberno luso agarda a unha decisión de Axencia Europea do Medicamento (EMA) para proceder á vacinación da poboación entre 5 e 11 anos. Porén, as autoridades do país veciño son partidarias desta medida inoculando “unha dose pediátrica, feita especialmente para estas idades”

As novas medidas contra a pandemia deixaranse notar na rúa e nos centros de traballo. A este respecto, aprobouse ampliar a frecuencia dos tests, vinculando a celebración de determinados eventos deportivos e musicais a realización das probas. Ao tempo, o Goberno recomendou a empresarios e empregados apostar polo teletraballo.

Comentarios