Sen consultas no que resta de ano. As citacións para algúns médicos no centro de saúde de Viveiro (A Mariña) van suspenderse até o próximo 2 de xaneiro, segundo denunciou a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
Nun comunicado, este colectivo advertiu da "situación de caos" do ambulatorio que "provocará que moitas persoas queden sen médico de familia e teñan que visitar a algún dos outros profesionais do centro". Segundo informou a plataforma, isto suporá "unha sobrecarga para o resto do persoal", que terá que asumir aos pacientes que quedan sen médico, e afectará tamén as persoas que non poidan pedir unha cita co seu doutor.
Recalcan que é unha "situación especialmente grave para a Atención Primaria", posto que unha das súas principais características é a proximidade e confianza entre profesional e paciente para lograr unha boa relación que favoreza á evolución positiva das posíbeis doenzas das persoas.
Desde a plataforma afirman que xa desconfiaban das "boas noticias" que lles trasladaba o pasado domingo a Xerencia, e exixen á Xunta que pare de "enganar a xente e comece a solucionar os problemas que ten enriba". Problemas que, aseguran, son "os únicos responsábeis".
A Xunta fala de "terxiversación"
Ante o comunicado de Defensa dá Sanidade, fontes da xerencia da área sanitaria de Lugo trasladaron á axencia Europa Press que a denuncia é "unha terxiversación" que "non ten nada a ver coa realidade", debido a que as axendas ás que se refire son atendidas "a través doutros profesionais do centro" mentres non se resolve un concurso.
Argumentan que estas dúas axendas corresponden a dúas prazas vacantes, das cales, unha delas foi sacada nun concurso de méritos "que está a punto" de ser resolvido e que dotará ao centro de saúde de Viveiro "do cuarto médico fixo". "Os pacientes adscritos a esa cota están a ser atendidos polos outros profesionais do centro de saúde, cuxa colaboración, traballo e esfurzo agradecemos, unha vez máis, desde a xerencia da área sanitaria", engaden estas fontes, que inciden en que se trata dunha "cuestión de organización interna do traballo".