Centos de bragas feitas en papel para as mulleres "máis atrevidas" e para aqueloutras "máis conservadoras", de todos os talles e de todos os modelos, mais coa mesma proclama escrita en todas elas: 'No meu corpo mando eu'. Foi o agasallo que unha das manifestantes carrexou até a Praza Roxa para repartir entre todas as compañeiras.
"Prégovos que lles deades visibilidade", enfatizou, pois era esa proclama, a escrita nas bragas de papel, a que resume a razón da mobilización feminista que este sábado paseou durante dúas horas as rúas de Compostela: o dereito delas a mandaren nos seus corpos, a que ningunha lei lles diga cando e como seren nais, a un aborto libre e na sanidade pública.
'Contra o vaticano poder clitoriano'
Así as cousas, o protesto foi convocado pola Plataforma polo aborto, que aglutina baixo o seu paraugas --este sábado máis ca nunca pola arroiada que caeu na capital galega-- até 65 organizacións políticas, sociais e sindicais.
Revólvense en contra da reforma da lei do aborto que redactou o ministerio de Xustiza e ditou a Igrexa católica co obxectivo de "poñernos a parir", como rezaban moitos dos cartaces que tinxiron de lilás este protesto.
Saíndo da estación de comboios e subindo a rúa do Hórreo para continuar polas rúas da zona nova da cidade, centos de gorxas entoaron consignas contra o patriarcado, contra o machismo, contra o Vaticano ("poder clitoriano") ou contra a Conferencia episcopal; e mostraron mágoa perante a "desilusión" de que o pai do ministro Gallardón "non puxera un condón" e a "fatalidá" de que súa nai "non puidera abortar".
A sede do PP, blindada polos antidisturbios
O protesto fixo a súa primeira e única parada diante da sede do PP, na rúa Alfredo Brañas, protexida por un forte despregamento policial formado por unha ducia de antidisturbios.
Os e as manifestantes deixaron alí seu alento clamando que "nós parimos, nós decidimos" e que "na nosa cona non manda ninguén". Na rúa Xeneral Pardiñas produciuse o único incidente que cómpre salientar: unha moza resultou ferida nun ollo ao recibir o impacto dun ovo lanzado desde unha fiestra.
Xa na Praza Roxa e após a sorpresa que tiñan preparada coas bragas de papel, desde a Plataforma deron leitura ao seu manifesto. Para salientar, un dado: 70.000 mulleres morren cada ano no mundo durante a práctica dun aborto clandestino. Dicíao o manifesto, dicíao unha das faixas e escenificárono cinco mulleres vestidas de vermello e deitadas no chan, desafiando a chuvia.
Centos móllanse en Compostela polo dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos
A mobilización, convocada en Compostela pola Plataforma galega polo aborto, durou por volta de dúas horas e rematou cunha sorpresa na Praza Roxa. A chuvia non fixo encoller nin os seus berros nin as súas reivindicacións, resumidas no lema da faixa de cabeceira: Aborto libre e gratuíto, as mulleres decidimos. Vídeo no interior.