Mar

Unha carga policial contra os bateeiros recrúa o conflito da mexilla

Ducias de manifestantes achegáronse até a Comisaría de Santiago acompañando as persoas detidas nas protestas. (Foto: Europa Press)
Unha nova protesta do sector do mexillón, en Compostela, saldouse cunha intervención da Policía Nacional que deixou varios bateeiros feridos e dous detidos.

O conflito da mexilla que enfronta desde hai varias semanas os intereses de bateeiros e percebeiros recruou esta quinta feira nas inmediacións da Xunta en San Caetano. A intervención policial virou protagonista dunha protesta que o sector do mexillón levou por sorpresa ás portas da sede do Goberno galego, coincidindo coa reunión semanal do Executivo.

"A concentración era pacífica, como o foron todas até agora. Os altercados foron provocados polos antidisturbios para desacreditar e desaloxar a xente", asegurou a Nós Diario José Manuel Oubiña, presidente da Asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa. Os manifestantes censuraron a forza "desproporcionada" coa que actuaron os axentes, que se valeron tanto de disparos de pelotas de goma "á altura da cabeza" como de "porrazos en cabezas e brazos".

"Comportamento violento"

A protesta dos bateeiros arrancou contra as oito e media da mañá. En menos dunha hora produciuse a carga policial que finalizou con varios feridos –un deles requiriu asistencia hospitalaria– e dúas persoas detidas.

Se non hai mexilla non hai mexillón. As fábricas non van ter que enlatar. Terán que marchar fóra ou traer mercadoría doutros países

Fontes da Subdelegación do Goberno na Coruña xustificaron a intervención policial. Debeuse, aclararon, ao "comportamento violento" dos manifestantes, que "tentaron acceder ao edificio –da Xunta– rubindo polo enreixado". A actuación dos antidisturbios motivou a resposta dos bateeiros, que en palabras da Subdelegación do Goberno, "comezaron a lanzar pedras e ramas contra a Policía e a incendiar contedores".

As mesmas fontes confirmaron a detención de dúas persoas que foron trasladadas a comisaría para tomarlles declaración. Até alí desprazáronse ducias de bateeiros á espera da súa liberación entre berros de 'liberdade Lorena' e 'conselleira dimisión'.

Non haberá mexillón

Ao tempo que os produtores de mexillón protestaban en Compostela, representantes do sector entrevistábanse coa patronal conserveira, Anfaco, para trasladarlle o seu "malestar" ante as medidas adoptadas pola Consellaría do Mar.

"A Anfaco xa lle trasladamos que se non hai mexilla non hai mexillón. As fábricas non van ter que enlatar. Terán que marchar fóra ou traer mercadoría doutros países", sentenciou Oubiña, quen censura "as contradicións" da Consellaría "que abre e fecha zonas de extracción da mexilla de costas ao sector, xogando co futuro de moitas familias".

Cada quen ten que traballar no seu, como levamos facendo 60 anos, compartindo pedras. A Consellaría creou un conflito onde non o había

Após a última rectificación do departamento que dirixe Rosa Quintana os bateeiros dispoñen "só de 120 quilómetros de portos", onde non hai semente de mexillón, insiste José Manuel Oubiña. "Estamos peor ca antes, sen acceso a zonas inzadas de cría, como hai en Baiona ou na Guarda, nas que non hai un triste percebe".

O voceiro dos bateeiros láiase de que a Xunta deixe "un recurso imprescindíbel para o sector en mans de terceiros". "Cada quen ten que traballar no seu, como levamos facendo 60 anos, compartindo pedras. A Consellaría creou un conflito onde non o había" e agora ven con urxencia e "nerviososmo" que se lles acaba o tempo para "meter cría na batea".

Remuda

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, condenou os incidentes e apelou ao "diálogo" para alcanzar un acordo entre bateeiros e percebeiros. Pola súa parte, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso exixiulle ao presidente dao Goberno Galego que "substitúa nas súas funcións" a conselleira do Mar e asuma a negociación.