Bateeiros e percebeiros, enfrontados nun conflito enquistado coa conselleira Quintana de fondo: que acontece coa mexilla?

Os produtores de mexilla urxen agora reunirse cos grupos parlamentarios e asociacións e advirten que lles vai "a vida nisto". Afirman que as zonas vetadas representan o groso da produción, mentres os percebeiros critican a apertura de novas zonas á mexilla: "É unha baixada de pantalóns".
Máis dun cento de representantes do sector bateeiro manifestouse onte ante o edificio da Xunta en San Caetano, Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera Máis dun cento de representantes do sector bateeiro manifestáronse a comezos deste mes ante o edificio da Xunta en San Caetano, Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Os bateeiros proseguen as súas protestas estes días polo conflito da mexilla, que os enfronta co colectivo de percebeiros e que urxen unha reunión cos grupos parlamentarios e entidades como a patronal Anfaco e asociacións de depuradores, na procura dunha solución e rexeitando a delimitación de zonas de extracción impostas pola Consellaría do Mar.

Esta quinta feira, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) están convocados a unha asemblea as arredor de 30 asociacións que reclaman que a Xunta derrogue o artigo 13 da normativa aprobada en decembro de 2019, que regula os recursos marisqueiros. Advirten de que lles vai "a vida nisto" e que "sen acceso á semente" do mexillón non teñen garantida a súa viabilidade futura como sector.

Na reunión desta quinta, que comezará contra as 18 horas, os profesionais pretenden valorar a situación actual e as "novas medidas" a adoptar, segundo informou á axencia Europa Press un dos portavoces das asociacións de bateeiros de Arousa Norte, Álex Tubío. Esta terza feira, "practicamente todo o sector" desprazouse até Silleda (comarca do Deza), onde a conselleira do Mar, Rosa Quintana, estaba presente co gallo da inauguración dunha feira de acuicultura.

O pasado día 23, e previamente o 2 de marzo, os bateeiros arrodearon a sede da Xunta en San Caetano (Santiago) en sinal de protesta contra as restricións impostas en zonas nas que levaban "70 anos colleitando a mexilla sen problema". Segundo cálculos das asociacións, deses espazos agora vetados saía "até 80%" da produción total.

En declaracións a Nós Diario, o presidente da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa, José Manuel Oubiña, lamentaba recentemente que "a Xunta sabe que neses 130 quilómetros famosos que abriron de portos [as zonas delimitadas pola Consellaría] non hai semente válida para aplicar nas bateas". Desde o sector referíronse ironicamente a Quintana como "percebeira".

Catro anos de conflito

O problema derivado da disputa entre o sector bateeiro e o percebeiro pola extracción dos recursos nas rochas do litoral leva enquistado desde que en novembro de 2019 foi aprobado un novo decreto para regular a recollida de mexilla, o que unido á escaseza do recurso provocou preocupación no sector, que desde aquel momento exixe solucións á conselleira.

Neste contexto, produciuse unha colisión de intereses entres os dous colectivos ao bater a extracción de mexilla co plan de explotación do percebe. Alén diso, mentres que o sector percebeiro alega que, ao contrario que o bateeiro, non pode recorrer a criadeiros, o colectivo mexilloeiro denuncia que os métodos extractivos do percebe prexudican as rochas e rematan coa semente que precisan.

Desde o outro punto de vista do conflito, o dos percebeiros, compártense as críticas ao Goberno galego, mais no sentido oposto, ante o que consideran unha "chapuza política", na que, afirman, a Consellaría "primou o poderío económico por riba do colectivo máis débil e formado na súa modalidade de a pé maioritariamente por mulleres". Cualifícano de "baixada de pantalóns".

"Desde as confrarías non cremos que a apertura de 16% de costa sexa a solución á escaseza de mexillón en 84% do litoral restante, con todo, para os percebeiros ese 16% é moi importante xa que se trata de zonas seleccionadas precisamente pola súa relevancia, xa sexa por cantidade ou por calidade", explicaron recentemente desde a federación de pósitos. Os percebeiros están chamados a unha reunión do sector este sábado, 1 de abril.

Comentarios