As confrarías recorrerán a apertura da extracción de mexilla en zonas de percebe

O sábado 15 de abril manifestaranse en Santiago de Compostela para reivindicar as súas demandas.

Unha percebeira traballa nas rochas do Cabo Touriñán, en Muxía (comarca de Fisterra). (Foto: Santiago Pérez)
photo_camera Unha percebeira traballa nas rochas do Cabo Touriñán, en Muxía (comarca de Fisterra). (Foto: Santiago Pérez)

A Federación Galega de Confrarías decidiu presentar recurso xurídico contra as resolucións emitidas pola Consellaría do Mar que decretaron a apertura de extracción de mexilla en zonas exclusivas de percebe.

Así o acordaron nunha reunión mantida este sábado, 1 de abril, na que tamén decidiron convocar unha manifestación o próximo 15 de abril en Santiago de Compostela para reivindicar as súas demandas.

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, defendeu que o servizo xurídico vai tentar "revogar estas zonas" para que "as deixen tal e como estaban antes" para a extracción de mexilla. "Imos actuar desas dúas maneiras [recurso e manifestación] e tentar convencer á xente de que estamos aí. Non todo é como din os bateeiros", sinalou.

A Federación defende o mapa proposto a través da orde do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos para o trienio 2022-2024, sen que se produzan ampliacións de zonas de extracción de mexilla en detrimento das de produción do percebe. Así, as confrarías lembraron que só 16% das zonas de explotación están reservadas para o percebe.

Así mesmo, Pérez Sieira confirmou que continúan en contacto coa Consellaría do Mar. Neste sentido, lembrou que xa lle comentaron que non lles parecía axeitado "abrir esas zonas, cando xa estaban reservadas para a extracción do percebe".

Percebeiros

Por outra banda, as confrarías de percebe das Rías Baixas, que se reuniron esta sexta feira en Arcade (Soutomaior, comarca de Vigo), expuxeron diferentes aspectos relacionados cos efectos do cultivo de mexillón en batea nas rías galegas.

Entre as reflexións que destacaron nunha nota de prensa, os percebeiros cuestionan "cal é o grao de cumprimento dos bateeiros no relativo á xestión de desperdicios procedentes das actividades de traballo do mexillón nas bateas" cando, engadiron, "a súa obriga é transportalos e depositalos en lugares habilitados en terra".

Ademais, entre outros asuntos, cuestionan o "cultivo intenso de mexillón" nas rías galegas. "O sector bateeiro alardea do forte incremento de produción de mexillón nos últimos anos, chegando ás 250.000 toneladas e superando vendas de produto en máis de 150 millóns de euros. Á conta de que e de quen?", expuxeron os percebeiros.

Por iso, cuestionáronse "onde están as ONG medioambientalistas", os científicos "valentes" e tamén "os políticos responsábeis e comprometidos en garantir a sustentabilidade dos recursos e os ecosistemas mariños por riba de réditos electorais".

Comentarios