Mar

VÍDEO | Así foi a carga da policía contra os bateeiros que deixou, polo menos, dous detidos

Momentos de enfrontamento entre bateeiros e policía (Captura de pantalla da CRTVG).
Un nutrido grupo de axentes da Policía Nacional cortou a avenida Rodrigo de Padrón, onde se sitúa a comisaría compostelá.

Unha das persoas que participaba esta quinta feira nas protestas do sector bateeiro ás portas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, foi detida pola Policía Nacional, o que motivou o desprazamento dos manifestantes ata a comisaría da capital galega.

Un nutrido grupo de axentes cortou a avenida Rodrigo de Padrón, onde se sitúa a comisaría compostelá.

Alí, varias decenas de bateeiros situáronse fronte ao dispositivo policial e corean berros de 'liberdade Lorena' e 'conselleira dimisión'.

As protestas arrincaron sobre as oito da mañá e, como en anteriores días, coincidían coa xornada na cal o Goberno galego se reúne en San Caetano.

Algo antes das nove, segundo os participantes na protesta, foi cando se produciu a carga policial, que os manifestantes critican por "desproporcionada". Aseguran que houbo disparos de pelotas de goma "á altura da cabeza" e "porrazos na cabeza e brazos".

Polo menos unha moza foi detida pola Policía Nacional e iso motivou que os manifestantes, varias decenas de persoas, se trasladasen polas rúas da zona vella compostelá até chegar á comisaría da cidade, onde esperaba un amplo dispositivo policial que cortou a rúa Rodrigo de Padrón.

Os bateeiros aseguran que hai varios feridos, polo menos un compañeiro, de Rianxo, no hospital, aínda que até San Caetano acudiron "dúas ambulancias".

"Estaban preparados para que pasase isto, empeñados en que non estivésemos nunha beirarrúa. Levamos moito sendo pacíficos e queren pór a cara mala", expresaron algúns dos manifestantes ás portas da comisaría.