As residencias comezan a reabrir as súas portas co debate sobre o modelo de xestión de fondo

Traballadoras reciben a residentes no hotel Porta do Congreso de Teo (Imaxe: Arxina).
A reactivación das visitas nos centros de maiores chega logo dunhas intensas semanas para o seu persoal e usuarias entre o medo ao contaxio pola COVID-19 e a xestión da enfermidade nas residencias con casos. Sindicatos e colectivos de profesionais reclaman prudencia e extremar as precaucións na reapertura de portas mentres que, cos comicios no horizonte, as forzas da oposición reclaman unha comisión de investigación sobre a xestión dos centros con casos de coronavirus.

Nestas semanas, familiares de maiores residentes poderán visitalas por primeira vez en máis de dous meses. É o caso de María Cabarcos, que relataba a súa experiencia en conversa con Nós Diario. A súa tía é unha das residentes do centro San Carlos en Celanova. "Quería vela cos meus ollos. Verlle a cara. Estar. Pero te quedas cunha sensación agridoce. Noteina apagada, bastante triste, cansada. Era o que agardaba dalgunha maneira, pero é un impacto psicolóxico bastante forte. Ela sabía que non a podía abrazar nin tocar", explicou. 

A reapertura das residencias coincide cunha carreira electoral na que todos os partidos da oposición demandan unha investigación arredor dos centros que concentraron un maior número de contaxios pola COVID-19 e mais cambios nos modelos de xestión. O 16 de maio a Consellaría de Política Social achegou o protocolo de reactivación das visitas aos propios centros residenciais. As centrais sindicais formularon cadansúas propostas de mellora ao documento e, consultadas por este diario, piden prudencia na reapertura das portas.

O principal requisito para que as familiares das usuarias poidan achegarse de novo ás residencias é a ausencia de novos contaxios nas últimas dúas semanas e a súa localización nun municipio cunha incidencia de tres ou menos contaxios novos por cada 5.000 habitantes nas tres xornadas previas. Logo dos brotes da COVID-19 en centros de toda Galiza, a incidencia da enfermidade foi diminuído na maioría. Na noite do 25 de maio, segundo os últimos datos proporcionados pola Consellaría de Sanidade, os centros de maiores rexistraban 60 usuarias e 52 contaxiadas.

A excepción sitúase na Coruña, onde a residencia Santa Teresa de Jornet rexistrou un repunte dos casos. Se o sábado contabilizaba 11 usuarias enfermas, o domingo a cifra aumentou até as 24. Ante a posibilidade de casos similares, centrais sindicais e colectivos de traballadoras reclaman extremar as precaucións. 

Primeira etapa

O documento elaborado pola Xunta da Galiza e remitido aos centros residenciais divide a reapertura ás visitas en tres fases. Na primeira, na que se atoparían arredor de 80% dos centros na actualidade, permítese unha visita semanal por familiar ás residencias que contan cun informe favorábel da área sanitaria na que se atopan. Estas solicitaranse con cita previa. Nesta etapa poderán ingresar novas usuarias sempre que se lles realice unha proba PCR, de detección do coronavirus, nos tres días previos e con resultado negativo.

O cambio de etapa prodúcese aos quince días se a evolución do centro é favorábel e non se detectan novos contaxios da COVID-19. Na segunda as visitas poderanse incrementar a dúas á semana. Na terceira e última o réxime de visitas volverá á normalidade e as residentes sen problemas de mobilidade poderán saír á contorna urbana evitando as zonas con moita aglomeración.

As voceiras das centrais sindicais contactadas valoran que a reapertura das residencias ás visitas foi prematura. "Unha pedra angular do protocolo da Xunta son os plans de continxencia da enfermidade dos centros, pensamos que se debera ter comprobado que están efectivamente en marcha antes de permitir a entrada de familiares", explica Alfonso García, de CCOO.

Zeltia Burgos, da CIG, cuestiona que nin as directrices da Administración galega nin a reapertura dos centros fosen consultadas coas propias traballadoras. "Cando falamos dun risco non só para usuarias, senón tamén para elas", di. E tacha de precipitada a decisión da Xunta, se ben valora a necesidade da compañía familiar baixo determinadas circunstancias: "O benestar das persoas maiores tamén ten que estar asegurado, hai que lograr un equilibrio".

"Todo parece indicar unha relación causa-efecto entre as visitas ás residencias e os contaxios nas mesmas", valora Javier Martínez, de UXT, matizando que as usuarias "non poden estar permanentemente recluídas" e que por iso é necesario "un nivel de protección moi grande".

Desde Trega, Traballadoras de Residencias da Galiza, Maribel Barreiro apunta a que os seus  temores non chegan tanto coa volta das familiares, senón cos vindeiros pasos do desconfinamento: "Cómpre reforzar o persoal, desde equipos de limpeza até as técnicas auxiliares de coidados auxiliares de enfermaría".

Mudanzas na xestión

Máis alá da progresiva reapertura dos centros residencias, no pano de fondo continúan as críticas da oposición, colectivos de familiares de residentes e profesionais á xestión da emerxencia sanitaria nos centros residenciais e ao propio modelo das mesmas, principalmente en mans privadas. Desde o inicio da pandemia, a Xunta interviu tres centros de titularidade privada en Cangas, Vigo e Valdeorras e habilitou dúas residencias medicalizadas para atender usuarias que contraeran a COVID-19 en Compostela e Baños de Molgas. "É evidente que cómpren mudanzas estruturais", asegura Javier Martínez, de UXT. Unha nova normalidade dos centros.

Co debate enriba da mesa, este xornal tratou de pórse en contacto coa patronal da Asociación Galega de Residencias da Terceira Idade (Agarte) para coñecer a súa opinión, sen éxito. En tanto, desde os sindicatos as súas voceiras coinciden na necesidade prioritaria de modificar as ratios de persoal por residentes nos centros.

O plan de reapertura ao público dos centros de maiores elaborado pola Xunta da Galiza recomenda a menor rotación posíbel do persoal, "organizando equipos estábeis". Isto choca coa realidade laboral que describen as representantes sindicais nos centros de maiores. "As condicións non son boas, polo que o persoal en canto pode marcha", asegura Javier Martínez.

Esta mesma semana o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza recoñeceu nunha sentenza o dereito das traballadoras a un descanso semanal de 48 horas e a compensación dos festivos traballados. O auto vén motivado polo conflito colectivo denunciado polos sindicatos CIG, CCOO e UXT. Paralelamente, estas aseguran que os centros privados e os xestionados pola Xunta seguen sen respectar as vacacións das profesionais.

"A Administración galega modificou unilateralmente as condicións das vacacións acolléndose á excepcionalidade da situación. O que non ten sentido é apelar á normalidade reactivando as visitas e ao extraordinario no caso das traballadoras", expón Zeltia Burgos. Por este motivo, a CIG está a artellar a convocatoria de concentracións ante os centros residenciais na vindeira semana.