Familias de maiores residentes piden criterios e datas "certas" para as visitas

Usuarias dunha residencia de maiores ollan a traves da fiestra (Imaxe: Arxina)
Feixoo anunciaba 15 de maio a reactivación das visitas a residentes maiores e dependentes a partir do 18 de maio. A decisión quedou anulada cando o Goberno estatal fixou a reapertura dos centros ás familias na fase 2. Asociacións de familiares aseguran que algúns centros comunicaron que non se vían "preparados" para a reapertura. 

"Queremos que se fagan os protocolos, que se nos dean instrucións e unha data certa",  explica María Cabarcos, integrante da Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, REDE.

O 18 de maio a Xunta da Galiza previu a reactivación das visitas en, aproximadamente e segundo datos do presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, 80% dos centros de maiores e persoas con discapacidade. Tras o Consello da Xunta do 15 de maio o líder do Executivo galego avanzou esta decisión, ofrecendo algunhas pinceladas sobre o protocolo de seguridade a aplicar, que un día despois tivo que desbotar.

O 16 de maio, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou as normas que rexen a fase 2 do plan de desconfinamento marcado polo Goberno estatal, de momento só vixente nalgunhas das illas Canarias. A norma recolle que só nesa fase estarán permitidas, de maneira “excepcional” as visitas a residentes

Isto é, se a Galiza avanza de fase, e segundo os prazos marcados polo Goberno estatal, só a partir do 25 de maio poderanse permitir as visitas. As pautas do BOE, moi xerais, difiren das adiantadas por Núñez Feixoo o 15 de maio. "Antes non estaba regulado e agora, a partir da fase 2, si está regulado", criticou Núñez Feixoo e anunciou que demandará ao Ministerio de Sanidade que os centros poidan abrir "a mediados desta semana".

Supostos excepcionais

O Goberno estatal apunta que as visitas a centros de maiores realizaranse "preferentemente en supostos excepcionais" tales como o acompañamento na "fin da vida" ou o alivio da saúde mental da residente visitada.

Na primeira etapa de reapertura das residencias, a Xunta permite "unha visita por semana con cita previa" ou "paseos en grupos nun máximo de cinco persoas na contorna da residencia" sempre que os centros cumpran unha serie de requisitos: completar un mínimo de quince días sen casos de COVID-19, tanto en residentes coma no cadro de persoal, e estar situadas en municipios cunha incidencia de tres ou menos contaxios novos por cada 5.000 habitantes no día e nas tres xornadas previas á apertura de portas.

O líder do Executivo galego apuntou a que 80% dos centros cumpren eses requisitos e engadiu que 250 concellos galegos non rexistran novos contaxios nos últimos 14 días. Cales son é unha incógnita, en tanto que o Goberno galego non fai público ese dato. 

Críticas de familiares

Segundo apunta REDE, a Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, algúns centros xa adiantarán que permanecerían fechados xa que mesmo contando cun protocolo e cumprindo cos criterios de reactivación das visitas "non se ven preparados". As instrucións da Xunta terían chegado o 17 de maio, na véspera da reapertura que anunciara o presidente galego.

"As familias de Celanova e do Barco xa pedimos hai dúas semanas que se empezara a traballar nas condicións para abrir as residencias aos familiares", explica María Cabarcos. O centro explicoulle, após contactalo, que na xornada do sábado aínda non recibiran o protocolo da Xunta e que sen examinalo non adoptarían unha decisión.

As integrantes da Federación critican así mesmo que o protocolo de seguridade dos centros, alén dos avances partillados polo presidente do Goberno galego en rolda de prensa, non sexa de acceso público.

As familiares agrupadas en REDE lamentan que nin o Goberno estatal nin o galego consultasen o parecer das asociacións de familias e usuarias e apuntan que as visitas son necesarias para a saúde mental e o benestar das residentes. 

* Fe de erros: Na nova publicada na versión en papel de Nós Diario o 19 de maio de 2020 indicábase que as familias demandaban que o protocolo de reactivación das residencias fose público. Fontes da Consellaría de Política Social indican que se pode consultar na páxina web a través da ligazón: https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/arquivos/programas/20200516_plan_reactivacion_covid19_centros_residenciais.pdf