SOCIAL

Comezan as visitas ás residencias: "Sentimos moita angustia polo que podía pasar neste tempo"

Residencia de maiores (Arxina).
Dous meses e medio despois, María Rodríguez puido visitar á súa tía na residencia San Carlos de Celanova e conta a Nós Diario como viviu o reencontro unha vez superadas as semanas máis duras da crise da COVID-19.

"As residencias teñen que cambiar, non poden seguir como estaban e menos despois disto. Eles necesitan un apoio psicolóxico", asegura María Rodríguez, familiar dunha usuaria dun centro de maiores, a Nós Diario. "Non podemos pasar por isto como o fixemos e que agora sigan as residencias como se non pasase nada, como se fosen hostais". 

María Rodríguez accedeu esta segunda feira á residencia San Carlos de Celanova, un dos centros de maiores nos que se contabilizaron máis casos positivos en coronavirus da Galiza, na que permanece a súa tía, que é "como unha segunda nai" para ela.

A tensión destes dous meses e medio sen ver á súa tía non pasou en balde. En tres ocasións deu positivo nas probas da COVID-19, aínda que sempre estivo sen síntomas. Na cuarta, o test saíu negativo. Porén, é difícil explicar como o vivido nestas semanas lle puido afectar. 

"Os problemas psicolóxicos que pode haber serán o segundo virus que teremos, porque é moi difícil para as familias pero sobre todo para eles, que están sós. Aínda que teñen as rapazas que os coidan, non é o mesmo. Ademais, traballando nun sitio como este non tes tempo físico para atender esa necesidade psicolóxica", conta a Nós Diario

"Quería vela cos meus ollos. Verlle a cara. Estar. Pero te quedas cunha sensación agridoce. Noteina apagada, bastante triste, cansada. Era o que agardaba dalgunha maneira, pero é un impacto psicolóxico bastante forte. Ela sabía que non a podía abrazar nin tocar. A verdade é que sigo un pouco descolocada porque foi moita tensión non poder vela e agora queres abrazala e non podes...". 

Residencias medicalizadas

Entrou á residencia polo patio e puido ver ás persoas maiores que están mellor e poden pasear, mais non a recoñeceron porque levaba posta a máscara. Antes de acceder tomáronlle a temperatura para comprobar se tiña febre e asinou nun formulario que non estivera en contacto con pacientes de COVID-19 e non tiña síntomas da enfermidade. Déronlle unha bata e hixienizou as mans antes de pasar á sala na que estaba a súa tía, que non se vale por si mesma, sentada nunha cadeira de rodas. 

A visita podía durar media hora, mais estivo algo menos de tempo porque a súa tía comezaba a sentir dor por estar sentada e tiñan que acostala na súa habitación, á que a familia non ten acceso. "Ela quería aguantar pero díxenlle que non podía estar con dor. O xoves nos confirman se podemos volver a semana que vén", sinala. 

"Teñen que preparar as residencias para non ser hostais. Sentimos moita angustia polo que podía pasar neste tempo, as traballadoras quedaron baixo mínimos e non había médico. Esa seguridade que che transmite un médico cando vas a un hospital é necesaria aquí. Se hoxe puidera ter falado cun médico tamén estaría máis tranquila", incide. 

E é que agrade expresamente o labor das profesionais de todas as categorías que traballan nesta residencia privada, a única que hai en Celanova, mais salienta que "as residencias teñen que estar medicalizadas, non poden ser como un hostal de paso". "A min faime falla a seguridade de saber por un médico como está a miña tía", engade. 

Para María Rodríguez as residencias teñen que ter os servizos de "hotel, alimentación, social e sanitario". "Aquí houbo moitos casos de COVID-19 e se non chega a ser polas médicas do PAC de Celanova non hai médica e son xente dependente e moi maliña. Teñen que cambiar o sistema en xeral, non imos pedir que a residencia sexa un hospital pero uns mínimos si", salienta.

Agradece o apoio da Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias (REDE) desde que comezou a crise do coronavirus, así como as achegas da veciñanza de Celanova, e destaca que agora fai falla saber todo o que pasou nestes dous meses e medio dentro das residencias