A "caótica" situación que viven os transportistas ao cruzar Pedrafita: "Isto é un descontrol total"

Varios camións cruzan a estrada anexa ao tramo do viaduto colapsado na A-6. (Foto: Europa Press)
A patronal do transporte exixe "axudas" ao Executivo estatal para facer fronte aos gastos de combustíbel.

A Asociación de Empresarios de Transporte en Autocar de Madrid (Aetram) criticou esta quinta feira a situación "caótica" e de "descontrol" na que se converteu para os transportistas atravesar a localidade de Pedrafita do Cebreiro para poder saír da Galiza, tras o colapso do viaduto do Castro, na A-6, o pasado mes de xuño.

O presidente da asociación, Diego Arias, sinalou que, esta fin de semana houbo transportistas que estiveron "dúas horas" para conseguir cruzar a localidade.

"Isto supón un descontrol total, tanto no económico, porque é un gasto a maiores, como no horario de entrega de mercadorías e en horas de condución", queixouse.

Para paliar esta situación, Arias demandou ao Goberno español "axudas". Aliás, asegurou que os transportistas consideran que nin este desvío nin o novo trazado son a solución. "O novo trazado [para sortear Pedrafita] é aínda peor e vai ser peor. Desde a administración non nos fan nin caso, non obtemos ningún tipo de resposta", lamentou

15 litros máis de combustíbel

O presidente de AETRAM estimou que, para o seu camión, "ir por Pedrafita supón 15 litros máis de gasoil, máis o tempo que se perde, porque un día normal falariamos de 15 ó 20 minutos, pero neste mes
pode chegar a perder ata dúas horas".

Pola súa parte, desde a patronal galega, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, instou o Goberno estatal a que axilice os traballos que se iniciaron esta cuarta feira para retirar o tramo que aínda queda en pé do viaduto.

"Esperamos á volta do verán ter unha reunión co Ministerio de Transportes e a delegación do Goberno español na Galiza para que nos informen dos avances que se están realizando", subliñou López.

"Hai empresas que non están a poder entregar a tempo os seus produtos polas demoras e isto pode provocar perdas económicas e perdas para as nosas empresas transformadoras", avisan desde a patronal.