Os transportistas galegos desbotan un paro

As asociacións de transportistas galegos rexeitaron sumarse a un eventual paro que dea resposta á suba continuada de prezos do combustíbel, para evitar “danos maiores” á economía” e non “castigar” os operadores que cumpren.

Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).

A pesar de desbotaren un paro, as asociacións de transportistas volveron reclamar ao Goberno estatal que interveña para implementar un gasóleo profesional bonificado para o sector, e co fin de que “haxa inspeccións que acaben coa competencia desleal”.

Neste sentido, a secretaria de Apetamcor, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, Myriam Otero, apelou a “sermos cautos”, pois “estamos nun momento moi difícil non só para o transporte, senón para a economía e para toda a sociedade".

Isto, dixo, obsta para que as administracións "teña que facer os seus deberes". Nese sentido, lembrou que o sector mantén sobre a mesa reclamacións como o combustíbel profesional, do que xa dispoñen sectores como a pesca, ou o reforzo das inspeccións para sancionar aqueles operadores loxísticos e empresas cargadoras que non cumpran as medidas acordadas nos últimos meses.

Na mesma liña, Asetranspo, que aglutina os transportistas de mercadorías de Pontevedra, mantén a posición trasladada nos últimos días aos seus socios, a mesma que defende a Confederación Española de Transporte de Mercadorías: o rexeitamento a un paro, manter a negociación co Goberno estatal no seo do Comité Nacional de Transporte por Estrada (CNTC) e reivindicar o cumprimento das medidas adoptadas.

Respecto diso, esta asociación sinalou que xa se logrou a prórroga da bonificación de 20 céntimos no prezo do combustíbel, e outras medidas, como a revisión do prezo do transporte en función do prezo do gasóleo.

"O que temos que facer é que, ao cargador que non pague, deixemos de prestarlle servizo, porque non se pode traballar por baixo do custo", apuntaron desde Asetranspo.

Do mesmo modo pronunciouse o vicepresidente de Tradime, asociación de transportistas de Lugo, José Fernández, quen apuntou que esta organización non apoia un paro, pois "agora o que toca é aplicar as medidas" que xa hai, e apostou por "dar un tempo" á Administración para seguir negociando porque "as présas non son boas".

Pola súa parte, a Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte fixo público o resultado das votacións convocadas esta fin de semana, para decidir se se reactivaba o paro ou se suspendían as mobilizacións e acéptase a oferta do Executivo de entrar na negociación da futura Lei da Cadea de Transporte, que impedirá ao sector traballar 'a perdas'.

Sinalou que, a nivel global, o 41% dos participantes nas asembleas mostrouse partidario de reactivar a protesta, fronte a un 45% que prefire manter en suspenso a folga e participar na negociación (tamén sinala que houbo un 14% de abstencións).

Comentarios