Myriam Otero (Apetamcor)

"O transporte precisa dun gasóleo profesional bonificado"

A Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor) é a entidade máis representativa entre as pequenas e medianas compañías transportistas da Galiza. A súa secretaria xeral, Myriam Otero, analiza con 'Nós Diario' a delicada situación do sector.
Myriam Otero, secretaria xeral de Apetamcor. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Myriam Otero, secretaria xeral de Apetamcor. (Foto: Nós Diario)

—As compañías do sector do transporte de mercadorías por estrada atravesan unha situación delicada, que medidas considera urxentes para evitar que sigan fechando empresas?
A medida máis importante é que sexamos capaces de repercutir ás empresas cargadoras [compañías que contratan servizos dos transportistas] a suba dos nosos custos, non só do gasóleo senón tamén do resto de custos, vehículos, rodas, aceites, impostos ou salarios de condutores.

Como medidas estruturais para axudar a que o sector mellore na cadea de valor, é necesario que non haxa tanta subcontratación e intermediarios. Isto estase negociando agora mesmo no Comité Nacional do Transporte para a publicación da Lei da cadea do transporte que limite esta subcontratación, pois un prezo sae da cargadora a 1.000 euros e cada intermediario vai quedando un 8% e, ao final da cadea, o porte queda en 400 euros.

En Francia e en Portugal xa non hai axencias de transporte, as empresas cargadoras contratan o transporte directamente cos transportistas, con camións que son  os que teñen que cobrar o diñeiro e tense que evitar a especulación de portes.

—Apetamcor vén de reclamar ao Executivo estatal a intervención do mercado dos hidrocarburos. A que obxectivos responde esta proposta e cal foi a resposta das Administracións?
Até o de agora non hai resposta por parte do Goberno. Debemos agardar á vindeira reunión do Comité Nacional do Transporte mais o Goberno ten que estabelecer medidas conxunturais para paliar a escalada dos combustíbeis, aumentando a bonificación do transporte profesional e pondo freo a esta crise que é unha distorsión do mercado no prezo das enerxías.

O noso sector necesita un gasóleo profesional bonificado, como o dos armadores ou o dos agricultores. No Estado español, agora mesmo, o combustíbel antes de impostos é dos máis caros de Europa, subindo máis de 50%; mentres en Europa a alza dos prezos situouse, aproximadamente,  entre 20 e  25%.

—Unha das medidas estrela do Goberno do Estado foi a aprobación dunha bonificación de 20 céntimos por litro para os combustíbeis, por que non deu os resultados agardados para parar a alza de prezos?
A bonificación actual de 20 céntimos é para todo o mundo, o que fixo que o prezo do combustíbel se disparase máis. Agora mesmo, o Comité Nacional de Transporte solicita 20 céntimos máis de desconto exclusivamente para o transporte profesional. Pero creo que esta medida xa non é suficiente. O Goberno do Estado quedou en reunirse de novo co sector en 15 días.

—Sinalaba recentemente que, após o paro de marzo, unha parte das empresas cargadoras subiron os portes pero hai outras que non o fixeron. Considera que as Administracións están facendo o suficiente para facerlle cumprir o pactado a estas últimas compañías?
Si, creo que o paro de marzo serviu para concienciar a moitas empresas cargadoras que non fixeran os seus deberes. Ás Administracións correspóndelles lexislar para limitar a subcontratación, inspeccionar ás falsas cooperativas de traballo asociado, ás empresas deslocalizadas,  ás empresas cargadoras que non cumpren a cláusula de revisión obrigatoria do prezo pola subida do combustíbel, ás empresas que incumpren os prazos de pago, vulnerando a Lei da morosidade, realizando os pagos a máis de 30 e 60 días.

Estas cuestións  son deberes que as nosas Administracións, estatal ou galega, teñen que facer cumprir.

Unha suba do gasóleo de 40% en 5 meses

Myriam Otero pon deberes ás Administracións, ás empresas cargadoras e ao propio sector do transporte. Neste sentido, expresa a súa preocupación pola suba dos carburantes e lembra que "en decembro de 2021 encher un depósito de 1.300 litros nun camión de carga xeral de 40 toneladas custaba 1.430 euros; mentres que en maio de 2022 o seu prezo situábase en 2.000 euros, producíndose un incremento de 40%".

A secretaria xeral de Apetamcor reclama melloras nas condicións de traballo dos profesionais do transporte e denuncia "a falta de estacionamentos axeitados, con aseos e zonas de descanso, nos polígonos industriais". Ao tempo, lembra como "moitos condutores vense obrigados a durmir no seu camión vixiando un posíbel roubo de mercadorías ou do combustíbel, o que lles impide descansar axeitadamente, supondo un grande risco para eles".

Comentarios