As canas volven ao río tras a lectura flexíbel da Xunta das normas da fase 0

Desde o 6 de maio de 2020 a Xunta da Galiza permitiu a práctica da pesca deportiva (Imaxe: Xunta)
A interpretación da Xunta da Galiza da orde ministerial que regula a fase cero da desescalada deu pé ao inicio da tempada de pesca fluvial e marítima. Unha orde publicada o 6 de maio permite aos pescadores das modalidades deportivas, federados ou non, volver tirar a cana. Ao tempo, colectivos ecoloxistas sinalan que o Goberno estatal situou esta práctica e mais a da caza na fase dúas da desescalada. 

Xavier Pazo é integrante da asociación de troiteiros Río Furelos de Melide. Onte pola mañá achegouse a pé até a beira do río para aproveitar o inicio da tempada e pescar por primeira vez. Tradicionalmente esta arranca o terceiro domingo de marzo, un día despois de que o Goberno estatal aprobase o decreto de alarma.

Unha interpretación da orde publicada o 30 de abril no Boletín Oficial do Estado que regula as medidas da fase 0 da desescalada serviu de base á Xunta da Galiza para restabelecer a pesca fluvial e a marítima en todas as súas modalidades. Así o anunciou o Diario Oficial da Galiza (DOG) onte.

O Real Decreto co que se instaurou o estado de alarma limitou a mobilidade da poboación a unhas poucas actividades básicas. Na fase cero, que entrou en vigor a pasada segunda feira, abriuse a porta a outras. Entre elas, á práctica deportiva individual, tanto a federada e profesional como a non federada e baixo condicións diferenciadas. 

Dúbidas sobre a medida

O plan de desescalada do Goberno estatal, aprobado por acordo en Consello de Ministros, abre a veda á caza e á pesca, que considera actividades agrarias, na segunda fase dun total de catro cara a "nova normalidade" . Esta comezaría, como moi cedo, o 25 de maio. Porén, a orde ministerial que regularía esta fase e as vindeiras aínda non foi publicada, nin polo tanto o regulamento concreto das mesmas.

Nunha carta remitida a pasada fin de semana ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e Mar, Rosa Quintana, avanzaron a vontade da Xunta Galiza de permitir a pesca deportiva, tanto marítima como fluvial. O silencio desde a Administración estatal foi interpretado positivamente.

Entendendo a interpretación da Xunta, poderíase practicar sen perigo de multa, afirma José Ramón Folgueiras

"Esta cuestión espertou dúbidas a comezos da semana, pero entendendo a interpretación da Xunta, de que pesca é unha actividade deportiva, poderíase practicar sen perigo de multa sempre que se cumpran restricións como manterse no concello se non estás federado e non desprazarse en coche", afirma José Ramón Folgueiras, presidente da Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais da Galiza.

O sector, que conta con arredor de 100.000 persoas, defende a medida. Xavier Pazo explica que a práctica da pesca é de por si solitaria: "Se atopas a outra persoa nun couto simplemente saúdala, preguntas se pican ou non pican e sitúaste lonxe para non molestala".

Á orde que regula a fase 0 e o deporte únense as limitacións propias da pesca fluvial. "Podemos comezar a pescar unha hora antes do amencer e outra despois do solpor, eu non podería permanecer na beira até as once da noite, por exemplo", di Pazo, engadindo as normas que limitan as capturas ou o número de pescadores por couto.

O integrante da asociación Río Furelos explica que na segunda feira houbo quen botou as canas ao río despois de que a Consellaría de Medio Ambiente publicase unha circular na que informaba da apertura da veda. El foi dos que decidiu agardar a que a orde fose publicada onte no DOG.

Colectivos ecoloxistas cuestionan a interpretación

Desde Adega, aseguran que as capturas realizadas nesa xornada son, polo tanto, "ilegais". Tanto Adega como a asociación Ríos con Vida remítense ao plan de desescalada anunciado polo Goberno estatal e que sitúa pesca e caza na fase dúas para cuestionar o permiso da Xunta.

Ante a incerteza provocada pola interpretación da Xunta, Ríos con Vida dirixiu unha misiva á delegación do Goberno na Galiza para que aclare a súa legalidade. "Mesmo se a caza e a pesca contan coas súas federacións deportivas, temos que lembrar están sometidas ao cumprimento das disposicións de xestión e aproveitamento dos recursos naturais", apunta Martiño Nercellas, vogal de biodiversidade de Adega.