As produtoras para autoconsumo deberán acreditarse e portar unha declaración responsábel

Explotación de horta no concello de Cartelle (Nós Diario)
A Xunta vén de modificar a norma que limitaba a medio quilómetro os desprazamentos para atender os cultivos de autoncosumo. Desde hoxe está permitido trasladarse dentro do termo municipal da propia vivenda ou até cinco quilómetros se os cultivos están situados noutro concello.

Unha Orde do 23 de marzo de 2020 recollida no Diario Oficial da Galiza, daba conta da limitación dos desprazamentos para atender cultivos de autoconsumo a 500 metros. A nomativa foi criticada por sindicatos agrarios e outros colectivos, que denunciaron este impedimento. Hoxe o DOG recolle unha modificación daquel artigo, ampliándo o radio dos traslados a todo o termo municipal onde se localice a vivenda habitual da produtora ou produtor.

En caso de que os cultivos se atopen noutro concello, os desprazamentos estarán limitados a cinco quilómetros como máximo. A maiores, para acreditar a necesidade de achegarse ás hortas, as produtoras deberán portar o carné de aplicador ou manipulador de produtos fitosanitarios ou a tarxeta de rexistro dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe no caso das viticultoras.

Desta volta, a Consellaría de Medio Rural engade a obligatoriedade de achegar unha declaración responsábel na que especifique os predios nos que se localizan os cultivos, a identificación das parcelas, os cultivos realizados e, no caso de cultivos ecolóxicos, unha especificación que aclara o non uso de tratamentos fitosanitarios, xustificando así a carencia do carné de manipulación destes tratamentos. Unha medida, esta última, reclamada tamén polas produtoras en ecolóxico nunha entrevista con Nós Diario.

No mesmo documento, a portadora deberá declarar que leva desprazándose aos predios en cuestión durante un período mínimo dun ano. Ao tempo, mantense a norma que impide a máis de dúas persoas traballar na mesma finca. Esas dúas produtoras deberán respectar as distancias de seguridade en todo momento, segundo especifica Medio Rural.