Así foi o primeiro día da fase 0: Citas previas, incerteza e convites ao consumo local

(Arxina)
Na fase 0 da desescalada o pequeno comercio e os estabelecementos de hostalaría reabren as súas portas con restricións. As profesionais da restauración amósanse máis partidarias da entrega de menús no local que da repertura cun aforo limitado. En tanto, as comerciantes confían en que a poboación aposte pola proximidade e as tendas de barrio. 

No inicio desta semana, moitos dos carteis coas frases "fechado por motivo da COVID-19" ou "fechamos seguindo as recomendacións do Goberno" foron substituídos por reixas abertas, xel de mans e cubos do lixo na porta. Os sinais agora indican "unha única clienta por quenda".

Na fase 0 do desconfinamento, ás farmacias, supermercados ou quioscos uníronse os pequenos comercios e algúns estabelecementos hostaleiros. Librarías, mercerías ou locais de arranxo de calzado ou roupa abriron as súas portas.

As xornadas previas a esta etapa da desescalada aprobada polo Goberno estatal estiveron cheas de intercambios de mensaxes e pareceres nos grupos de mensaxaría e profesionais do comercio ou da restauración. Dúbidas, consellos, interpretacións do Boletín Oficial do Estado sucedéronse con rapidez. 

O restaurante na casa

Jorge Gago, un dos socios do restaurante A Maceta en Compostela, apunta que nunca tanto falara con compañeiras e compañeiros do sector. Gago volveu ao local situado na rúa de San Pedro para ensaiar un novo menú adaptado ao servizo a domicilio.

"Antes disto, puxemos á venda bonos que a clientela poderá gastar unha vez reabramos", explica en conversa con Nós Diario. A resposta das habituais chegou acompañada de mensaxes de ánimo e agarimo.

Coma moitos na profesión, Gago amósase escéptico a unha apertura coa metade de aforo do local. Os custos que supón un servizo máis personalizado, unido aos cartos investidos en materiais de limpeza e equipamentos para manter a seguridade, dificultan esta posibilidade. Ademais, hai que sumar un contexto laboral adverso para boa parte da poboación, cuxo poder adquisitivo descendeu.

No mesmo barrio sitúase o bar Pampín. O hostaleiro Alén Tarrío está detrás deste estabelecemento, que desde hai tres semanas, de quinta feira a domingo, ofrece o servizo de comidas a domicilio.

Os menús do Pampín chegan aos fogares composteláns da man das súas traballadoras. Despois de solicitar un Expediente Temporal de Regulación de Emprego, Tarrío non quixo externalizar o reparto. Das cinco vinculadas ao negocio, dúas volveron para axudar na cociña e atender pedidos. 

Se ben a idea funciona, o seu impulsor amósase máis escéptico do seu impacto a longo prazo. A partir desta semana outros negocios farán o mesmo.  Nin Gago nin Tarrío recomendan as présas á hora de recolocar manteis, pratos e xogo de cubertos de novo sobre as mesas. "Hai que ir con sentidiño, pouco a pouco", expón o segundo, que lembra que a día de hoxe séguense detectando novos casos da COVID-19. "Esta é unha catástrofe mundial, non podemos abrir e encher os locais", afirma.

Ambos aférranse a unha clientela habitual coa que transcenderon a relación hostaleiro-comensal. Son "as de sempre" as que chaman para recibir os pratos dos seus locais preferidos. 

Vida nos escaparates

A libreira Alejandra de Diego tamén confía no apoio da veciñanza para facer fronte ás dificultades presentes e futuras. Berbiriana, o estabelecemento que rexenta xunto a Cristina Barbeito, abriu esta segunda feira as súas portas. "A primeira cita que nos pediron por teléfono foi dunha clienta que dixo que tiña ganas de saír, que quería un pouco de normalidade", conta Diego.

Este comercio foi un dos que se acolleu aos préstamos do Instituto Oficial de Crédito (ICO). "Estamos nerviosas, alegres e confiadas un pouco en que a xente apoie o pequeno comercio, mais sabemos que é moi complicado, agárdanos un ano e medio ou dous moi peludos”, afirma Alejandra de Diego.

En Compostela, a libraría Numax tamén abriu a porta, mentres que o cinema segue coas luces apagadas e as butacas baleiras. Irma Amado explica que antes da fase 0 da desescalada adheríronse a unha campaña da Confederación de Gremios e Asociacións de Libreiros para que as clientas puidesen apoiar as súas librarías de cabeceira. "Os importes das compras son canxeábeis agora", di, salientando a boa resposta do público.

En Negreira, Victoria García decidiu levantar a persiana de Lúa Moda e volver montar o escaparate. "As veiñas agradecéronmo, porque é moi triste pasear pola vila e ver as luces apagadas e os escaparates baleiros", conta. Reabrir, engade, "dá algo de vida". "Así semella que volvemos un pouco á normalidade", apunta.

Segundo as medidas ditadas polo Goberno estatal, os pequenos comercios teñen que prover de xel de mans ás clientas e as súas donas deben seguir os protocolos de seguridade, portando máscaras en caso de que o espazo impida gardar as distancias.

"A clientela está moi concienciada", valora Cristina Díaz. Desde hai dez anos rexenta unha mercería na que tamén vende complementos e a súa clientela nútrese sobre todo dos obradoiros que imparte no local, agora suspendidos.

"A semana que vén atenderei en horario preferente as clientas maiores", comenta Díaz, engadindo que quen chega con cita previa coñece de antemán as medidas de seguridade, entendéndoas e respectándoas. "O problema está máis en quen pasa pola rúa, ve o local aberto e quere entrar", matina, especificando que xa tivo que solicitar a un grupo de visitantes que abandonase a tenda.

A semana de transición entre a fase 0 e a fase 1, que levantará varias das restricións, pode servir tamén para poñer os locais a punto. Este é o obxectivo de Eva Domínguez, comerciante no barrio compostelán de San Pedro. "Voume poñer como unha tola a limpar todo", asegura.

Mononoke, a tenda que rexenta Domínguez, é un local pequeno de detalles e obxectos de artesanía. "Dubido eu que a xente veña", razoa ela engadindo que con todo decidiu ofrecer o servizo de venda con cita previa.

Como moitos pequenos comercios, o seu carece dunha páxina web ou catálogo en liña. "Quen chamou estes días preguntando por certos produtos son veciños e veciñas do barrio que xa me coñecen", asegura ela.

Esta comerciante de Compostela reclama medidas e protocolos máis claros. "No grupo de mensaxaría da zona cada quen dicía unha cousa diferente, as normas cambian dun día para outro e cuestións como a instalación dunha mampara exixen un investimento de cartos que non é doado cando levamos sen ingresar dúas semanas", expón. 

Máscaras e mechas

Nos salóns de peiteado, as medidas como o xel para as mans únese o uso obrigatorio de equipos de protección para as profesionais. Clara Silva, perruqueira no seu propio local no concello de Ribeira, explica que entende a medida, mais que non é nada doado poñer unhas mechas coa máscara posta.

A maior parte da clientela son mulleres maiores e cortar o cabelo e tinguir as peticións máis habituais. A axenda está completa ao longo de toda a semana. "Pero porque só podes atender unha persoa de vez", apunta a perruqueira Eva Pita desde o barrio coruñés dos Castros.

O ritmo das mechas é lento, mais nos locais especializados en homes, como Amil Perruqueiros, a entrada e saída do local é máis frecuente. Os tintes non son petición común, e cada quince ou vinte minutos unha nova persoa senta na butaca.

Pita inaugurou o seu salón de peiteado pouco antes do inicio da pandemia. Grazas á veciñanza o seu teléfono volveu sonar incluso antes de retomar a actividade. "O boca a boca fai moito", asegura ela. 

"