Comeza a vacinación a domicilio con Janssen

"Calma tensa" na Galiza, que avanza na desescalada

Un home e unha muller camiñan por unha rúa do Grove, que fica no nivel máximo de restricións (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Sanidade amplía a capacidade dos mercados ambulantes e os congresos e reabre as atraccións de feiras, nun momento no que a situación epidemiolóxica é "estábel" malia a repunta de casos das últimas horas. O ocio nocturno, defende, podería volver a mediados de xuño após realizárense "probas piloto" en maio.

A Covid-19 segue sen dar tregua na Galiza, xa que, malia diminuíren levemente na terza feira os contaxios e as hospitalizacións, na cuarta feira repuntaron todos os indicadores. Así, os casos activos ascenden a 2.811 (48 máis que na xornada anterior), mentres os novos contaxios se sitúan en 188 (+57). A taxa de positividade das probas PCR, pola súa banda, sobe sete décimas até 2,3%.

Tamén aumentan os ingresos hospitalarios, tanto nas unidades de críticos, con 40 (+3), como en planta, cun total de 162 (+1). E a cifra de pasamentos fica en 2.376, após notificar a Consellaría de Sanidade unha nova vítima mortal. Non se rexistra ningún positivo nas residencias por sexta xornada consecutiva, mentres nos centros de ensino continúa a tendencia ascendente con 549 casos (+14) e 27 aulas fechadas (+1).

A incidencia acumulada a 7 e 14 días, así mesmo, mantense en números semellantes aos da última xornada, con 44,9 e 90,3 casos por cada 100.000 habitantes respectivamente. Ningunha área sanitaria supera no seu conxunto os 150 casos a dúas semanas vista, e até 175 concellos non rexistraron ningún positivo nos últimos sete días.

Con todo, o Comité Clínico, após o encontro mantido na terza feira, decidiu exercer unha especial vixilancia sobre as comarcas do Barbanza e O Salnés, en especial os concellos da Pobra do Caramiñal e O Grove, ambos no nivel máximo de restricións xunto a Carballeda de Valdeorras e Cualedro. Tamén preocupa a situación de Vigo, a primeira das sete cidades que retrocede na desescalada ao situarse no nivel medio. "Observamos un incremento paulatino de casos na última semana, pasando dunha incidencia a 7 días de 65 a 83", expuxo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Preguntado a respecto dunha posíbel relación causa-efecto entre a repunta de casos da Covid que se está a dar nas últimas datas e os desprazamentos durante a Semana Santa, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que "non hai un patrón que os asocie". No tocante ás variantes do coronavirus que circulan pola Galiza, Sanidade confirmou que se teñen secuenciado 240 casos da británica, 24 da surafricana e 19 da brasileira (18 da coñecida como P1, a máis común, e un da P2).

Mudanzas nas restricións

Con estes datos sobre a mesa, e salientando que Galiza se atopa nunha situación de "calma tensa", en palabras do doutor e membro do comité Manuel Vázquez Lima, o conselleiro de Sanidade adiantou as medidas que se aplicarán desde a sexta feira no conxunto do país para proseguir o proceso de apertura. Deste modo, os mercados ambulantes de menos de 150 postos poderán abrir o 100% dos mesmos, mentres nos de até 250 a capacidade será de 75% e nos que superen esta cifra de 50%, sempre mantendo a distancia de seguridade. As atraccións de feira, pola súa banda, poderán abrir de novo, e permitirase unha ocupación de 50% se as persoas fican sentadas e de 30% se están en movemento.

Por último, os congresos poderán aumentar a súa capacidade até as 500 prazas en espazos interiores e 1.000 no exterior, toda vez que se garanta o distanciamento social e as medidas sanitarias de prevención. Porén, de o permitir as circunstancias, poderase solicitar unha ampliación solicitando un informe a Saúde Pública. Sería o caso, por exemplo, de que todas as persoas asistentes estivesen xa vacinadas, como pode acontecer na celebración dun congreso médico. Aliás, o conselleiro ratificou que as e os expertos valoran reabrir a mediados de xuño o ocio nocturno, previa realización "dun par de probas piloto" no mes de maio.

Vacinas de Janssen

García Comesaña tamén apuntou que, após certificar a Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés) a seguridade das vacinas de Janssen (filial de Johnson & Johnson), Galiza retomará "de forma inmediata" a vacinación a domicilio das e dos grandes dependentes coas 8.350 doses recibidas onte. "É unha vacina especialmente axeitada para as persoas que non poden acudir aos centros de saúde, xa que cunha soa dose fican inmunizadas coa pauta completa", xustificou.

Neste senso, o responsábel de Sanidade apuntou que na Galiza se teñen administrado 914.462 doses (e hai 232.000 persoas coa pauta completa), o que supón 88,7% das recibidas. Con este dato, Galiza sitúase como o sétimo territorio do Estado que menos vacinas inoculou. Nas últimas 24 horas, acudiu a se vacinar 85% das e dos cidadáns citados.

Galiza está a vacinar en 14 grandes recintos, unha cuestión que o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, critica: "Non é digno citar centos de persoas en grandes espazos afastados dos seus fogares cando temos unha rede de Atención Primaria cuxos profesionais, ademais, poden disipar as dúbidas sobre as vacinas".

Un berro unánime percorre Galiza en defensa da Sanidade

Centos de persoas manifestáronse no serán desta cuarta feira en vinte municipios galegos na defensa dun sistema sanitario "accesíbel, de calidade e dotado de recursos". A entidade convocante, a plataforma SOS Sanidade Pública, celebra o éxito das mobilizacións nun momento "especialmente crítico" para a Atención Primaria: "Nunca houbera tantas mobilizacións simultáneas en tantos puntos do país", sostén, en declaracións a Nós Diario, o médico de cabeceira de Outes e portavoz do colectivo Xosé María Dios.

Esta convocatoria xustifícase con base en cinco eixos: recuperar a atención presencial, reducir as listaxes de agarda, aumentar o cadro de persoal e mellorar as súas condicións, garantir o dereito á vacinación en condicións de seguridade e rexeitar a reforma da Lei de saúde. "Fixemos cinco reivindicacións, mais poderían ser 500, porque o deterioro da sanidade desde a chegada de Feixoo é tremendo", afirma Dios, quen lamenta que as e os profesionais están a atender "entre 40 e 50 doentes ao día, cando o recomendábel son menos de 30".

Denuncia a falta de profesionais, xa que "é preciso contratar un milleiro de médicos e o Goberno galego convocou 254 prazas este ano", mais tamén as súas condicións laborais: "O Sergas contrata por meses, por semanas e mesmo por días, e paga por horas para evitar pagar as fins de semana. Se fose unha empresa privada tería moitas denuncias enriba", di. Para reverter a situación sería preciso incrementar o investimento na Atención Primaria "en 250 millóns, fronte aos 29 que aprobou a Xunta".

Na mesma liña apunta o tamén portavoz da plataforma e médico de familia en Marín Manuel Martín: "Levamos máis dun ano saíndo ás rúas co apoio da cidadanía. As consultas están masificadas e non duran nin cinco minutos, e isto repercute na calidade do servizo que prestamos", expón, e matiza que, alén da Covid-19, "segue a haber moitas enfermidades que fican desatendidas pola falta de medios".

No tocante á polémica Lei de saúde, Dios salienta que "en 53 páxinas, aparece 68 veces a palabra sanción", e asegura que o pasado ano xa advertira á Xunta de que o texto era "inconstitucional".

Desconfianza no sistema

A atención telemática, asegura Martín, "entraña unha gran dificultade tanto para o profesional como para a persoa doente", e non está a ser un método eficiente: "Hoxe temos longas listaxes de agarda até para as consultas por teléfono", censura.

Para Manuel Martín, esta situación pode provocar certa "desconfianza" no sistema sanitario por parte dunha cidadanía que "culpa as e os médicos e non a Administración". Porén, esta non foi a postura que amosaron as e os manifestantes nesta cuarta feira: "O Goberno quererá fomentar esa división, mais nós sabemos que a culpa non é nin dos profesionais nin da sociedade anoxada. Se temos consultas telefónicas é porque non reforzan o persoal nin rematan cos contratos precarios, e se perdemos a confianza no sistema agárdanos un futuro devastador", argumenta Carmen Nores, presidenta da asociación de usuarias A Voz da Sanidade de Cangas. Considera que a pandemia "evidenciou a importancia que contarmos cun sistema público robusto", polo que cómpre "recoñecer o enorme esforzo do persoal sanitario e dotalo de máis medios".

Tamén participou nas mobilizacións Vanesa Viquendi, do colectivo Pediatras e Matronas Xa, que denuncia a "tendencia á privatización" da Sanidade galega e censura que moitos centros de saúde do ámbito rural "carecen de especialidades básicas como a pediatría". Sobre a Lei de saúde e a obrigatoriedade das vacinas, Viquendi ironiza: "Din isto ao mesmo tempo que, por falta de profesionais, non se está a cumprir o calendario de vacinación infantil".