Mudanzas na Galiza nas restricións para mercados, feiras e  congresos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (Foto: Xunta da Galiza)
Na Galiza administráronse 914.462 vacinas, un 88,7 % do total de doses recibidas.

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, compareceu hoxe para informar das deliberacións e propostas do Comité clínico. As novidades debulladas polo conselleiro centráronse nas mudanzas en mercados, feiras e  congresos.

Así, informou que nos mercados de menos de 150 postos poderanse colocar o 100 % e nos de até 250 postos, 75 %, mentres que nos de máis de 250 postos, será de 50 %, sempre mantendo a distancia.

Nas feiras de atraccións: sentados, 50 % e con movemento, capacidade do 30 %.

Os congresos poderán aumentar o seu aforo: no interior pasa dos 300 actuais a 500 e no exterior mantense en mil, e sempre mantendo as distancias e normas básicas de calquera evento. De o permitir as circunstancias do congreso poderá incrementarse a capacidade, mais haberá que solicitalo a Saúde Pública.

O conselleiro informou tamén que na Galiza administráronse 914.462 vacinas, un 88,7 % do total de doses recibidas. Hai 232.000 pacientes coa pauta completa. Na Galiza hai 240 casos da coñecida como variante británica, 24 da surafricana (9 secuenciados e 15 informados), 18 da variante brasileira (e 24 máis en estudo). Hai tamén 1 da variante P2 de Brasil, que non é a frecuente.

A incidencia acumulada a 14 días é de 90,4 e a 7 días de 44,9; o que supón a metade da IA media no Estado español. Hai 135  concellos que non notificaron ningún caso nos  últimoa 14 días e 175 municipios que non tiveron positivos na última semana.

Máis concellos

A Xunta anunciou a última hora desta terza feira que un total de catro concellos pasarán a estar fechados perimetralmente e coa hostalaría sen actividade a partir desta sexta feira ás 00 horas, momento no que tamén entrarán en vigor novas prohibicións noutras 34 vilas. Fíxoo despois de que se celebrase unha nova reunión de traballo da Administración galega cos membros do Comité Clínico que asesora sobre a evolución da pandemia no país.

Se ben as limitacións máis altas xa afectan a Cualedro, O Grove, Carballeda de Valdeorras e A Pobra do Caramiñal, semella que as e os expertos consideran que a situación epidemiolóxica non mellora, pois na medianoite desta sexta feira permanecerán en idéntica situación.

Por outra parte, no nivel alto -que implica menos capacidade na hostalaría, entre outras cuestións- quedarán Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira e Cambre.

Mentres que a maioría das localidades pasarán unha semana máis no nivel baixo, entran no chanzo medio Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira e tamén Vigo, que de momento evita fechamentos perimetrais e medidas máis prexudiciais para a economía.