A calidade dos escumosos galegos logra que estes se afiancen nun mercado competitivo

Aínda que os viños escumosos galegos se usen maioritariamente para brindar, poden acompañar unha comida de comezo a fin. (Foto: Noemí Olivera)
O tempo de crianza dos viños permite que as burbullas resulten finas.

Os escumosos galegos foron acadando unha importancia crecente no mercado dos viños nos últimos anos. As 29 adegas galegas afiliadas á denominación de orixe Rías Baixas pecharon o pasado ano 2021 cunha facturación total que superou o millón de euros. Todas elas incrementaron a produción e os beneficios con respecto aos pasados anos, mantendo unha tendencia ascendente nas vendas. Varias destas adegas levan tempo apostando polos escumosos, cuxa valoración positiva continúa a aumentar. Algunhas delas son a de Señorío de Rubiós, Terra de Asorei ou a adega Valdés.

Ante a inminente chegada do Nadal, época chave para a comercialización deste produto, Nós Diario conversa co sumiller e creador do espazo enocultural ‘Vide, Vide!’ (Santiago de Compostela), Martiño Santos, para coñecer as características dos viños escumosos galegos e a súa posición no mercado. Santos sostén que este produto conforma un “negocio en expansión”, vista a tendencia xeneralizada das adegas en apostar por este tipo de viños. “As adegas xa non se limitan á súa marca principal senón que intentan presentar novidades” para promocionárense.

No caso dos viños escumosos, o sumiller sinala que a súa elaboración require un viño base que presente unha acidez elevada e que, na Galiza, “temos unhas condicións moi boas” para a súa produción grazas ás máis de 70 variedades de uvas cultivadas e as características da terra. “Estamos nunha zona de influencia climática atlántica que condiciona o perfil dos nosos viños”, que resultan “moi diferentes” aos doutros lugares do Estado español

A gran maioría dos escumosos elaborados na Galiza parten de uvas cun prestixio recoñecido a nivel mundial na elaboración dos viños. Variedades como albariño, godello ou treixadura adoitan ser a base para a produción dos escumosos galegos. Algunhas das zonas que máis destacan no país polo seu potencial na produción de escumosos son as Rías Baixas, Valdeorras e O Ribeiro, cuxos viños de base xa contan cun gran factor diferenciador.

Con todo, “o que de verdade achega calidade aos escumosos é o tempo de crianza e conseguir que o viño se manteña nunha temperatura estábel”. Martiño Santos explica que, canto maior é o tempo de crianza, mellor se integran os compoñentes do viño. “En xeral, está estabelecido un mínimo de nove meses, que serían uns escumosos básicos, mais xa se están a elaborar outros con crianzas moito máis elevadas”, o que permite que “a burbulla resulte máis fina e elegante” e que achegue “unhas cóxegas [en boca] moi agradábeis”. As dúas categorías máis relevantes dos viños escumosos se refire son Brut e Brut Nature, que se diferencian pola cantidade de azucre, sendo o Brut máis doce.

Un viño novidoso que se abre camiño

O principal problema ao que se enfrontan os escumosos galegos é a curta tradición histórica coa que contan fronte a outros máis recoñecidos como o cava catalán ou a propia champaña. “É un tipo de produto novidoso que vai precisar tempo para situarse no mercado”, sostén Santos, mais engade que, tendo en conta que as cantidades producidas se esgotan cada ano, os escumosos galegos contan cun “nicho de mercado en expansión”, entre outras cuestións, grazas á súa boa relación calidade-prezo.

A desestacionalización dos escumoso

O sumiller, Martiño Santos, explica que a desestacionalización dos escumosos resulta chave para a súa promoción e valorización. “O noso consumo está moi vinculado a estas datas do Nadal” mais, engade, é un tipo de viño “estupendo para acompañar calquera comida de comezo a fin” pois “son moi versátiles”. A súa frescura permite que as temporadas calorosas, como o verán, resulten “propicias” para o seu consumo.