Un mozo denuncia unha agresión da Policía Nacional por querer entrar nunha discoteca con medias

Vista aérea da cidade da Coruña. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
Os feitos tiveron lugar na madrugada da pasada sexta feira, despois de que os integrantes de seguridade deste local negaran a entrada ao agredido.

Un rapaz, D. C., vén de denunciar que viviu unha presunta agresión cometida por dous axentes da Policía Nacional nas inmediacións dun local de ocio nocturno da Coruña.

Os feitos tiveron lugar na madrugada da pasada sexta feira, despois de que os integrantes de seguridade deste local negaran a entrada ao agredido. Segundo el mesmo explica a Nós Diario, ía vestido cunha minisaia e unhas medias que lle romperan nunha caída previa. Dixéronlle que tiña que cambiarse para poder entrar.

Despois de ir mudar as medias e volver até o local, negáronlle a entrada aos dous. Nese momento, os dous rapaces chamaron a Policía Nacional para que se presentase no lugar e intermediase.

Tal e como afirma, até o local desprazáronse catro axentes. "Comezaron a falar cos seguratas, sen facernos caso, a pesar de que chamáramos nós", relata.

Comeza a agresión

Nese momento, os policías pedíronlle á amiga do agredido que se identificase, algo que ela presuntamente fixo. Pouco despois, dous dos catro axentes decidiron deter esta rapaza e dirixírona cara aos coches nos que chegaran ao Palexco.

Foi aí cando a vítima da agresión pediu aos dous axentes restantes que o levasen coa súa amiga, xa que el é de Asturias e non tiña onde quedar. Explica que acompañou os policías até o vehículo, e, no momento no que apoiou unha man no coche "porque estaba a ter un ataque de ansiedade", os axentes procederon a "golpealo coas súas porras, sen explicarlle o porqué".

"Despois diso, tiráronlle unha foto ao meu Documento de Identidade (DI) e deixáronme alí tirado, sen asistirme", lamenta D. C.. En canto a súa amiga, foi levada até o acuartelamento da Policía Nacional, acusada de non querer identificarse. Tanto ela como o agredido negan este extremo.

A vítima da presunta agresión policial acudiu ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela, onde o atenderon dos golpes que recibiu. Principalmente nas pernas, nas que presentaba diversos hematomas.

Denuncia por agresión policial

A súa saída do hospital, o agredido desprazouse até o cuartel da Policía Nacional en Compostela para presentar unha denuncia pola agresión policial que recibira.

"Agardo que todo se solucione e evitar que isto volva pasar, porque non é a primeira vez que ocorre na Coruña", conclúe o agredido.