Opinión

Como acompañar unha vítima de agresión

Todas as mulleres sufrimos agresións sexuais e maltratos ao longo da nosa vida. A diferenza pode estar en se nos decatamos ou non, pero aínda decatándonos a maioría das veces non somos quen de saír desa situación ou de deixar de sentir responsabilidade polo que sucedeu. E aquí ten unha importancia vital o papel da acompañante.  

Pode parecer que é unha materia de 'primeiro de empatía', pero cometemos tantos erros ao acompañar que ao pensar que axudamos facemos máis mal que ben e conseguimos que a vítima se sinta aínda peor, soa, incomprendida e, sobre todo, moi culpable.

O patriarcado ten unha engrenaxe perfecta. Máis aínda que o capitalismo, que xa é dicir. O patricarcado, ademais, é coma un grupo de música cutre que toca os éxitos da súa carreira e xa non cambia. Usa os hits que sempre funcionaron e non lle fai falla máis.

O patriarcado comeza por educar ás nenas na submisión. Cando imos crecendo, se poñemos límites somos unhas bordes, non somos boas persoas. Se non te deixas manipular non me gustas: síntete mal, muller!

E cando temos a personalidade plenamente desenvolvida, resulta que é tremendamente difícil racionalizar e fuxir dos preceptos sociais que nos meteron no coco durante toda a nosa evolución como persoas.

Ao acompañar as vítimas repetimos coma loros as estupideces que nos meteron na cabeza, e por iso hoxe traio unha lista de erros comúns que cometemos ao escoitar este tipo de testemuños:

  1. Non lle digas á vítima como tivo que actuar para que non lle pasase 'iso'

A responsabilidade non é dela. Non lle digas que tiña que terlle pegado ao agresor, nin deas por feito que iso solucionaría algo. Non lle preguntes por que non denunciou ou como non marchou antes de aí. Facela sentir parva (cando ademais o 99% das agresións non son nin denunciables porque non hai probas) só fai que se sinta peor.

  1. Non digas frases como 'as mulleres temos que coidarnos'

Unha muller non se ten que coidar non saíndo de noite ou non facendo cousas que fai calquera home.

En todo caso, iso si, tecemos redes de coidados entre nós.

Culpar a vítima é o diametralmente oposto a coidala.

Cando a acusas de non coidarse, non a estás coidando.

  1. Non lle digas a unha vítima de maltrato que non pode 'permitilo'

Facer que a vítima se sinta dobremente culpable –por un lado polo que está vivindo e por outro porque a acusan de ser ela quen o 'permite'– é outro dos grandes hits do patriarcado. A alternativa sá sería centrarte en sinalar o que fai mal o seu maltratador, deixándolle claro que a ela non a xulgas.

  1. Non lle preguntes con que tipo de homes anda

Aínda que non o pareza (por algún motivo suponse que as femias somos imbéciles) ningunha muller se xuntaría cun home que sabe que a vai agredir.

Se non desconfiamos, somos parvas e inocentes. Se desconfiamos, estamos tolas e paranoicas.

Como vos digo, o patriarcado ten construída unha engrenaxe absolutamente perfecta.

  1. Se che están contando unha agresión, non fales de ti

A vítima precisa consolo. Non quere que ti protagonices a súa dor, nin que fales de como te sentes. Que soltes frases como que queres darlle unhas hostias ao agresor ou que cando o vexas lle farás ver o enfadade que estás só fai que esa muller teña aínda máis medo e que se sinta máis soa.

Non a estás respectando e engádeslle á súa carga emocional a incerteza do que ti anuncias que quizais farás. Porque ti non preguntaches se ela quere que interveñas. Ela busca comprensión, non solucións. E, ademais, iso non lle vai solucionar absolutamente nada. Limítate a acompañar.

  1. Se es home, non nos expliques o guai que es (spoiler: non es guai, só es outro machista máis)

Os pouquísimos homes feministas (léase aliados) que coñezo ante o testemuño dunha agresión nunca falan deles mesmos. Escoitan, comprenden, acompañan.

Os machistas disfrazados de feministas rapidamente queren que entendas que non saben como pode haber homes así. Que non todos son agresores, que el xamais o faría. 'Eu, eu, e outra vez eu'. Compañeiras: fuxide dos #notallmen, e correde o máis rápido que poidades!

  1. Non lle quites ferro, dálle a importancia que ten

Esa persoa, esa vítima, estacho contando porque o está pasando mal. Non queiras que o varra baixo a alfombra. Non cambies de tema nin lle digas que non é para tanto, que xa se lle pasará. Escóitaa o tempo que precise.

As clínicas de psicoloxía están cheas de "el tiempo todo lo cura".

  1. Non digas que ti xa cheiraches algo con esa persoa ou que xa o vías vir

A toro pasado todes somos moi listes. Se o sabías e non avisaches non vén a nada que agora insinúes que a vítima foi algo parviña. Repito: limítate a acompañar.

  1. Os únicos comentarios que debes facer

Non é a túa culpa. Dime que precisas. Estou aquí. Non estás soa. Enténdote. Non, non hai nada que ti puideras facer mellor. Porque o agresor é el, non ti.           

É doado, é simple.

Acompañade, e acompañade ben.

Comentarios