Cal é a cidade galega coa media de idade máis baixa?

Crianzas xogando (Foro: Carlos castro / Europa Press).
A Asociación Pont-Up Store elaborou un informe que achega resultados interesantes.

Unha idade media de 45 anos. Esa é a media máis baixa das cidades galegas e tena Pontevedra. Estes son datos recollidos no Informe nº 8 do Observatorio Económico e Social de Pontevedra 2022, elaborado pola Asociación Pont-Up Store e solicitados de fontes oficiais.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta terza feira en rolda de prensa para presentar os resultados deste traballo que compara as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Vigo, Ferrol e Pontevedra.

Segundo resumiu, este último informe reflicte que a cidade do Lérez é "unha cidade dinámica, tanto desde o punto de vista de poboación como social", sinalou Lores.

O alcalde destacou os que para el son os datos máis importantes deste informe que reflicten que Pontevedra é o municipio que ten máis persoas de até 20 anos e menos maiores de 65 anos. Esta é unha das variábeis na cal destaca a capital do Lérez e que se mantén ano tras ano. Pontevedra ocupa a sexta posición, segundo o número de habitantes, das sete cidades galegas.

Lores tamén incidiu na estrutura dos fogares da cidade, xa que é onde máis persoas hai por fogar (2,62), onde a composición é máis nova (os fogares con menores de 16 anos alcanzan 29,64%) e onde o número fogares unipersoais é máis baixo (21,19%), o que representa unha menor probabilidade de situación de soidade. Tamén é relevante que é a segunda cidade onde a persoa sustentadora principal do fogar é máis novo (55,19 anos).

Outras conclusións

Para o alcalde, hai outras dúas conclusións destacábeis que mostra este informe: unha é que Pontevedra é unha das cidades que menos empresas perdeu tras a pandemia e na que máis empresas mantiveron a súa actividade e a outra é que é a que "ten menos fogares que chegan con gran dificultade a final de mes", 6,14%.

É relevante que Pontevedra, entre as sete grandes cidades da Galiza, sexa onde é máis baixo a porcentaxe de poboación en risco de pobreza con 13,93%, segundo o sistema de indicadores da Estratexia Europa que o fai comparábel a nivel de toda a UE.

Pero Pontevedra tamén destaca en negativo por ser a cidade, das sete contempladas, con peor cociente de entidades prestadoras de servizos sociais por cada 1.000 habitantes.

Este informe é froito do tratamento de 1.624.783 valores que fan referencia fundamentalmente ao ano 2022, aínda que existen casos en que o último dato dispoñíbel é 2021.