Unha cadea humana une Vila Nova de Cerveira e Goián contra o xenocidio en Palestina

Unha cadea humana cruza a ponte da Amizade para denunciar o xenocidio sobre Gaza. (Foto: Nós Diario).
Perto de 400 persoas atravesaron este sábado a ponte da Amizade, no Baixo Miño, para exixir o cese do fogo contra os territorios ocupados.

'Na Galiza com Palestina, resistir é vencer' ou 'Cessar-fogo jà. Fim ao genocídio, fim à ocupaçao' foron algún dos lemas que portou a veciñanza do Baixo Miño e de Vila Nova de Cerveira no seu encontro sobre a ponte da Amizade.

Entre 350 e 400 persoas participaron contra o mediodía deste sábado na cadea humana convocada polo centro social Fuscalho da Guarda contra os ataques de Israel sobre a Palestina ocupada e a impunidade internacional.

A ponte que une Cerveira e Goián (Tomiño) encheuse de bandeiras palestinas e mensaxes de solidariedade co pobo palestino nunha acción que busca o compromiso da Galiza e de Portugal co fin do xenocidio que o exército israelí exerce sobre a poboación de Gaza e Cisxordania.

"Propuxémonos un gran reto para denunciar o xenocidio en Palestina. Asistimos en directo a un escándalo terrorífico. É tempo de dar un paso adiante para amosar a nosa repulsa e solidariedade", explica a Nós Diario Álvaro Lamas, un dos promotores desta acción desde o centro social Fuscalho.

Cea solidaria

Non é o primeiro acto que organizan a prol de Palestina. Hai unha semana programaron o pase da fita Cinco cámaras rotas, antesala dunha cea solidaria que logrou perto de 500 euros de axuda.

O filme documental, de 2011, codirixido polo palestino Emad Burnat e o israelí Guy Davidi, segue durante varios anos a loita e as protestas pacíficas dos habitantes de Bil'in, un lugar de Cisxordania que vai perdendo terras de cultivo debido á construción do muro de separación con Israel e ao avance dos asentamentos de colonos israelís a proximidade do pobo.

"Cada semana participamos da dinámica de mobilizacións que se convocan na Galiza, móvenos o fin común da solidariedade internacionalista e este 20-N volveremos saír á rúa para denunciar que o de Palestina non é unha guerra, é un xenocidio".

20-N, tamén con Palestina

Esta segunda feira, case unha trintena de localidades volverán acoller concentracións de apoio ao pobo palestino, contra as 20 horas do serán.

A Coruña, A Guarda, Allariz, Betanzos, Carballo, Cerdedo, Compostela, Corcubión, Ferrol, Lugo, Moaña, Monforte, Noia, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Redondela, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Silleda, Vilagarcía, Vigo, Viveiro e Xinzo xa confirmaron a súa participación.

"Esta vez superamos as expectativas, achegouse moita xente, tamén algúns grupos de Portugal cos que trataremos de afianzar lazos para seguir a denunciar o que pasa en Gaza e Cisxordania, e en xeral e toda a Palestina ocupada".