O BNG oponse ao parque eólico Caíño porque contribuirá "ao abandono do rural"

Urxe o Goberno a "paralizar" todos os proxectos eólicos en tramitación para elaborar xunto coa Xunta da Galiza unha planificación eólica "asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio".
Na Galiza hai 4.000 aeroxeradores eólicos en funcionamento. (Foto: Pedro Sala)
photo_camera O proxecto impúlsao Enel Green Power. (Foto: Pedro Sala)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou este sábado ao Goberno estatal que rexeite o Estudo de Impacto Ambiental e o proxecto do parque eólico Caíño polo "grave efecto ambiental, económico e social" que suporá a instalación deste 'megaproxecto' eólico.

O deputado nacionalista urxiu o Goberno a "paralizar" todos os proxectos eólicos en tramitación para elaborar xunto coa Xunta da Galiza unha planificación eólica "asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio" que "protexa" o patrimonio natural e cultural respectando as actividades de aproveitamento agrícola e forestal.

O parque eólico, que vén de iniciar a súa tramitación, afectaría os concellos de Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Sobrado, Abegondo e Guitiriz e contaría con 33 aeroxeradores, alén das infraestruturas de evacuación. A empresa que promove o proxecto é Enel Green Power España S.L., que é a mesma que promove o parque eólico de Brancellao, á beira do de Caíño.

Rego avisou de que se trata dun proxecto "alarmante" porque en caso de levarse a cabo falaríase "dun único megaproxecto". Por iso, insistiu en que se deben valorar de forma conxunta ambos os proxectos e que presentalo de forma dividida é "intencionado e fraudulento".

O deputado lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza "ten sentenzas" que recollen que os parques eólicos deben de ser contemplados desde unha perspectiva "unitaria". Ademais, destacou que o proxecto "incumpre a normativa galega actual" ao non estar incluída dita área no Plan sectorial eólico.

Néstor Rego resolveu que o proxecto "non serve para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio", senón que afecta de forma negativa e contribúe ao abandono rural xa que impide á poboación o aproveitamento agrogandeiro e forestal.

O proxecto de Caíño, apuntou, conta con diversos erros, como que non respecta a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación ou que fai "referencias aos plans urbanísticos dos concellos afectados, o que denota un claro descoñecemento da realidade urbanística dos mesmos".

O proxecto afirma que Oza-Cesuras e Abegondo teñen un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado, "pero é falso", subliñou Rego.

Comentarios