A borrasca Ciarán: tanto vento como para superar a potencia eólica total en funcionamento na Galiza

Afectación da borrasca Ciarán na costa galega (Foto: Aemet).
O vento, provocado pola borrasca Ciarán, é tal que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na súa sección galega, anunciou na súa conta de X (antiga Twitter) que se xeraron “case 0,5 xigawatts por quilómetro de fronte de onda sobre a costa noroeste da Galiza”.

As persoas residentes na Galiza teríanse, presumibelmente, dado conta de que estas xornadas da terza e a cuarta feira vai vento. Grandes refachos foron rexistrados en boa parte do país, especialmente en certas zonas costeiras onde se declarou a alerta vermella.

O vento, provocado pola borrasca Ciarán, é tal que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na súa sección galega, anunciou na súa conta de X (antiga Twitter) que se xeraron “case 0,5 xigawatts por quilómetro de fronte de onda sobre a costa noroeste da Galiza”.

Isto é un nivel extremadamente alto, mais para facelo máis comprensíbel, desde a Aemet compárano coa enerxía eólica: “A potencia (enerxía transferida por unidade de tempo) dunha fronte de onda de 10 quilómetros superaría a potencia eólica total en funcionamento na Galiza”.

A eólica na Galiza

Na Galiza a instalación de grandes parques eólicos ten xerado gran debate ao longo dos últimos tempos. Por unha parte, a Xunta a Galiza segue unha política de apoio ás empresas eólicas aprobando abundantes proxectos de instalación de parques eólicos. Non obstante, a maioría das organizacións ambientalistas rexeitan esta política por atentar contra zonas de alta protección en territorio galego e por consideralas “un esploio”.

A Asociación para a defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) lidera a oposición a esta política do Executivo galego con diversas campañas de recadación de fondos para tentar deter xudicialmente a aprobación destes parques, algo que xa conseguiron en varios proxectos.

Suficiencia eléctrica

Os Estados da Unión Europea (UE) referendaron no pasado mes de outubro elevar a cota de enerxías renovábeis no consumo total da UE de 32% a 42,5% para 2030, cun complemento indicativo adicional de 2,5% que permitirá alcanzar 45%, a cifra que defenden Estados como o español.

Pois ben, a Galiza xerou 6.295.883 MW/h de orixe renovábel no primeiro trimestre de 2023. As enerxías limpas representaron 81,8% do total da produción eléctrica galega, destacando 3.117.202 megawatts de tecnoloxía hidráulica, 3.052.310 megawatts de procedencia eólica e 126.371 megawatts doutras fontes renovábeis. Asemade, foi significativo o incremento da electricidade de orixe renovábel en referencia ao primeiro trimestre de 2022.

O consumo de electricidade na Galiza no primeiro trimestre de 2023 colocouse en 3.524.306 MW/h, o que representa 55,9% do total da produción renovábel. Desta maneira, aséntase a tendencia da suficiencia eléctrica da Galiza en base ás enerxías limpas e aos avances en materia de descarbonización, que a sitúan á cabeza do proceso de transición enerxética no Estado. A produción galega de orixe renovábel vén superando as necesidades de consumo eléctrico da Galiza desde o exercicio de 2020.