O BNG convoca unha manifestación o 3 de abril para "urxir solucións á crise de prezos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a presentación da campaña contra a suba de prezos. (Foto: Nós Diario)
A mobilización formará parte da campaña do BNG ‘Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!’.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, presentou nesta segunda feira a campaña de mobilizacións que impulsará a formación para "reclamar solucións á crise de prezos", e que rematará cunha manifestación o vindeiro 3 de abril en Santiago de Compostela. 

Pontón fixo un chamamento á participación de todos os colectivos afectados e do conxunto da sociedade, co obxectivo de “reclamar con presión social nas rúas que se tomen medidas xa para evitar o colapso dos nosos sectores económicos”.

Neste sentido, a nacionalista cualificou de “impresentábel” que nin a Xunta nin o Goberno central estean poñendo sobre a mesa “solucións reais e eficaces, no curto e no medio prazo, para darlle oxíxeno a sectores estratéxicos da economía galega”.

“Esta crise está a provocar unha situación de extrema gravidade, con familias cada día máis empobrecidas, un goteo continuo de empresas que están paralizando a súa actividade e con sectores clave dentro da economía galega, como o agrogandeiro e o pesqueiro, nunha situación de colapso”, advertiu, para recalcar a continuación que “urxe actuar para que esta escalada de prezos non siga poñendo en risco miles de empregos”.

Presión institucional do BNG

Ademais desta campaña de mobilizacións, a portavoz nacional destacou a presión institucional que o BNG pretende levar tanto ao Congreso como ao Parlamento galego, onde converterá o pleno que comeza na terza feira nun “monográfico para poñer sobre a mesa alternativas fronte a esta crise económica” e no que tamén propuxo unha modificación da orde do día para que compareza con urxencia o presidente da Xunta e “deixe claro á Galiza se ten previsto adoptar algunha medida ou se vai seguir cruzado de brazos”.

Para Pontón, resulta “lamentábel” que Feixoo estea dedicado “única e exclusivamente a botar balóns fóra” e sexa "incapaz" de pór enriba da mesa unha soa medida para enfrontar unha crise que, segundo recalcou, "está a incidir dunha maneira máis forte na Galiza”, aludindo así ao maior crecemento da inflación na Galiza en relación á media estatal.

Neste sentido, afondou nas medidas a curto prazo que o BNG defenderá no pleno desta semana, entre as que sinalou a prohibición da venda a perdas no sector primario, tal e como recolle a lei de cadea alimentaria; a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoábeis; a fixación dun prezo máximo para a electricidade neste ámbito; e articulación de axudas extraordinarias ao sector pesqueiro e gandeiro, a través das axudas mínimas (de menos de 200.000 euros).

Por último, defendeu a rebaixa temporal dos impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional; a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas; a actuación inmediata sobre o mercado enerxético “poñendo fin aos beneficios caídos do ceo”; e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para compensar a Galiza por ser produtora de electricidade.