O BNG entrega no Congreso máis de 4.000 sinaturas para reclamar un tren "digno" para Lugo

Felipe Rivas, Néstor Rego e Rubén Arroxo, ás portas do Congreso. (Foto: Nós Diario)
Os nacionalistas reclaman pór Lugo "no mapa dos servizos ferroviarios" e finalizar con "anos de recortes e eliminación de conexións e frecuencias".

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o responsábel local do BNG de Lugo, Felipe Rivas, veñen de entregar esta terza feira en Madrid as firmas recollidas na campaña 'Lugo quere tren', organizada pola formación política.

Os nacionalistas reclaman pór Lugo "no mapa dos servizos ferroviarios" e finalizar con "anos de recortes e eliminación de conexións e frecuencias".

O obxectivo da campaña era que Lugo e a Galiza "conten con servizos dignos, con conexións útiles, pensadas para conectar os galegos".

En total, os representantes do BNG entregaron máis de 4.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza. "Lugo é unha cidade que está a quedar totalmente illada do resto da Galiza e do conxunto do Estado español", advertiu  Arroxo.

"Desmantelamento do servizo"

Neste sentido, o tenente de alcalde de Lugo afirmou que, cando se fala do AVE, estase a "retirar e eliminar as poucas conexións e frecuencias que tiña a capital luguesa", á vez que se "desmantela este servizo", coa supresión de liñas como consecuencia do confinamento e a pandemia.

O BNG xa anunciou que seguirá traballando en Lugo para conseguir que o Ministerio de Transportes "atenda as demandas" da veciñanza, xa que Lugo "ten dereito" a contar cos mesmos servizos que o resto de cidades.

Pola súa parte, Néstor Rego lembrou que son xa "numerosas" as iniciativas do BNG no Congreso para conseguir este obxectivo.

"Cremos que Lugo é un caso paradigmático de desmantelamento dos servizos ferroviarios", lamentou, para avanzar que seguirán "insistindo" con máis iniciativas para conseguir un servizo ferroviario "digno" para Lugo.