As persoas maiores denuncian a exclusión financeira motivada pola dixitalización

A banca fechou máis de 1.400 sucursais desde 2008

Acto simbólico de denuncia da exclusión financeira na Galiza.(Foto: M. Dylan / Europa Press)

As queixas polos procesos de exclusión bancaria chegan por diversas frontes. Mentres uns cidadáns protestan polo fechamento de sucursais no rural e nas vilas, outros fano pola redución de servizos financeiros baixo a coartada da dixitalización. As mobilizacións das últimas semanas non son máis que a punta do iceberg.

 

O proceso de reconversión do sistema financeiro comezado en 2008 déixase notar na Galiza. Por unha parte, avanza a exclusión financeira, con especial impacto nas áreas rurais, na poboación de menor poder adquisitivo e nas persoas maiores. Ademais, as mudanzas tecnolóxicas, cuxa implantación foron aceleradas durante a pandemia, son empregadas como coartada para reducir a calidade dos servizos bancarios e maximizar os beneficios das corporacións financeiras.

A Galiza perdeu 1.443 sucursais bancarias desde 2008. Segundo os datos recollidos no boletín do Banco de España, nesa anualidade mantíñanse abertas 2.539 oficinas, concentrando 997 as comarcas coruñesas, 336 as luguesas, 376 as ourensás e 830 as pontevedresas. Nese período, o groso dos fechamentos concentráronse nos ámbitos rurais e vilegos pero tamén nos barrios periféricos das urbes. As entidades sindicais denunciaran o marcado carácter de clase destas decisións.

O panorama actual é diferente. Así, os últimos datos do regulador bancario, referidos a setembro de 2021, certifican a existencia de 1.094 sucursais operativas na Galiza, coas comarcas coruñesas rexistrando 446, as luguesas 174, as ourensás 150 e as pontevedresas 326. Ao tempo, as oficinas activas veñen reducindo de modo sistemático os servizos ás persoas usuarias e incrementando os custos dos mesmos mediante o pago de comisións de diverso tipo.

Unhas comisións bancarias abusivas

O responsábel do colectivo de xubilados da CIG, Xepe Torres, denuncia que "cada día que pasa aparece unha nova comisión que temos que pagar, o ano pasado por manter a conta, 42 euros, por administrala, 0,60 euros, por apuntamento e por recibir o extracto 1 euro cada vez, por duplicar o caderno de aforro 5 euros e por manter a tarxeta 28 euros. Pasamos de pagar por ter un préstamo a ter que pagar por ingresar diñeiro".

Torres, cuxos datos están referidos a Abanca, indica a Nós Diario que "pasamos de pagar por ter un préstamo a ter que pagar por ingresar diñeiro". O dirixente da CIG critica a redución dos horarios de atención ao público e urxe das Administracións públicas alternativas para esta situación. Nesta liña, defende "manter a atención presencial e personalizada a toda a súa clientela, independentemente dos servizos que prestan como banca electrónica. No caso de non facelo, a Administración debe obrigalos mediante unha lei e mesmo crear unha banca pública que atenda as necesidades dos cidadáns".

A activista do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), Paz González Madroño, lembra a Nós Diario que o seu colectivo "esixe a creación dunha banca pública galega como instrumento financeiro para intervir na sociedade" e defende "unhas contas bancarias libres de calquera comisión", "Nós non somos clientes da banca, somos usuarios obrigados forzosos a estar dentro da mesma para cobrar a nosa pensión ou pagar os servizos básicos como a luz ou a auga da nosa vivenda", afirma Paz González.

"Hai moita xente que é analfabeta dixital ou está fóra do sistema dixital", continúa Paz González, quen apunta que "unha parte importante dos usuarios da banca carecemos de habilidades ou coñecementos dixitais para operar".

O responsábel da federación da banca de Comisión Obreiras (CCOO), Jorge Villarino, destaca en declaracións a Nós Diario que "o proceso de reestruturación bancaria está sendo especialmente duro para a Galiza". Neste sentido sinala os problemas derivados da "perda de emprego de calidade, cuns salarios e unhas condicións laborais superiores á media".