Demanda colectiva histórica contra as comisións de apertura das hipotecas

Acouga presenta unha demanda contra once entidades bancarias do Estado español para a devolución das comisións de apertura das hipotecas cobradas indebidamente.
Dúas persoas pasando diante dunha entidade bancaria (Foto: Arxina)
photo_camera A demanda acusa as entidades financeiras de cobrar unha comisión nas hipotecas por un servizo que na práctica non era real (Foto: Arxina)

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) vén de presentar perante o xulgado do Mercantil número 1 da Coruña unha demanda colectiva histórica contra 11 entidades bancarias ─Abanca, Sabadell, Santander, Bankia, Bankinter, BBVA, Caixabank, Ibercaja, Kutxabank, Novo Banco (a sucursal en España) e Unicaja─ para reclamar a devolución das comisións de apertura cobradas indebidamente á súa clientela na formalización de préstamos hipotecarios.

Como explica a Nós Diario o avogado e secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, a demanda vai contra todos os bancos que introduciran nos últimos 20 ou 25 anos comisións de apertura sobre o total do préstamo, "que normalmente estaban entre 0,5 e 2%", por considerar que, de acordo coa recente xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea, "non é esencial" xa que, apunta, "o prezo do contrato do préstamo é o tipo de xuro, os intereses" o resto de cargos serían accesorios.

Estas comisións tan só serían legais, de acordo co tribunal europeo, "se hai unha información correcta e, sobre todo, se a entidade é transparente". "Pódese pactar dunha forma acaída se o consumidor a entende perfectamente e responde a un servizo prestado", mais de non ser así, ten que ser devolto, insiste.

"Se cobras unha comisión por riba que supón variar e incrementar a TAE (Taxa Anual Equivalente) en virtude dese pagamento, este non forma parte do prezo contractual e só pode integrar un suplido", argumenta o avogado. E nos casos denunciados estaban a cobrar unha comisión de apertura "que non responde a un servizo real, porque insisto, se do que se trata é de que o prezo de prestar o diñeiro é máis elevado, o tipo de interese non é do 5,3%, é do 5,5%, por achegar un exemplo". 

Comisión millonaria

Coa súa sentenza de xullo de 2020, a Xustiza europea pide aclarar esta situación. Por iso, desde Acouga chaman a unha demanda colectiva contra os bancos operantes do Estado español, "agás Liberbank, ING, a Caixa Rural Galega, Cajamar, ou as cooperativas de crédito, que non teñen de momento demandas de persoas consumidoras", mais que, no caso de existir, poderíanse adherir a esta demanda colectiva nun futuro, indica Pérez-Lema.

Segundo as súas estimacións "calculamos que pode haber uns dous millóns de operacións. Con préstamos de 90.000-120.000  euros e unha comisión media de 0,75% sobre o nominal do préstamo hipotecario poderíamos estar falando de entre 1.350 e 2.500 millóns de euros, aos que habería que sumar unha media de entre 40 e 50% por xuros de demora legal. Probabelmente sexa dos procedementos de demanda colectiva a nivel de dereito do consumidor máis relevantes da historia do Estado español", afirma o secretario xeral de Acouga.

Sobre esta cuestión xa existen demandas individuais con sentenza favorábel, mais esta é a primeira colectiva. "De feito, se houbese algunha en trámite paralizaría o da nosa, por iso entendemos que non hai ningunha e por iso tomamos a iniciativa", engade Pérez-Lema. 

Desde Galiza e en galego

O feito de que esta demanda colectiva se rexistre nun xulgado galego ten un valor engadido. Aínda que só unha das entidades demandadas (Abanca) teña domicilio no país, a Lei de Axuizamento Civil prevé que cando puidera corresponder a competencia territorial aos xuíces de máis dun lugar, a demanda poderá presentarse perante calquera deles a elección do demandante.

Acolléndose a esta previsión legal, apuntan desde Acouga, decidiron presentar a súa demanda perante o Xulgado do Mercantil da Coruña e en galego, "coa pretensión de defender non só as persoas consumidoras galegas, senón tamén as de todo o Estado español, fronte a entidades financeiras con domicilio dentro e fóra da Galiza, o que amplía o número de persoas que poderían beneficiarse dunha eventual sentenza favorábel", conclúe.
 

Comentarios