Baltar declara finalmente de forma telemática. Eis o que dixo

Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
A defensa de Manuel Baltar alega que a sanción administrativa que se lle impuxo por importe de 600 euros -en realidade abonou 300 euros por pronto pago- foi firme con anterioridade á incoación do procedemento xudicial. Así, os avogados do político argumentan que "non cabe a imposición dunha dualidade de sancións".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, declarou finalmente, de forma telemática este xoves ante a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Poboa de Seabra tras ser cazado hai máis de dúas semanas a 215 quilómetros por hora nun coche oficial, pero non se puido ditar sentenza de conformidade.

Por conseguinte, o xulgado de Seabra envía agora o procedemento ao Xulgado do Penal de Zamora para o seu axuizamento o próximo 31 de maio ás 10 horas, aínda que os avogados do político xa avanzan que recorrerán ante a Audiencia Provincial de Zamora porque entenden que non debe haber proceso penal e confían en "deixar sen efecto" esa cita.

Desconforme

Na súa comparecencia xudicial desta quinta feira, Baltar respondeu ás preguntas efectuadas pola xuíza de Poboa de Seabra e polas do seu avogado, pero non se mostrou conforme co escrito de acusación nin coa pena solicitada polo Ministerio Fiscal, polo que non se puido ditar sentenza de conformidade.

A defensa de Manuel Baltar alega que a sanción administrativa que se lle impuxo por importe de 600 euros -en realidade abonou 300 euros por pronto pago- foi firme con anterioridade á incoación do procedemento xudicial. Así, os avogados do político argumentan que "non cabe a imposición dunha dualidade de sancións".

"Inadecuación"

Así mesmo, o avogado de Baltar aduce á "inadecuación do procedemento incoado", porque entende que "non cumpre os requisitos para seguir as actuacións polos trámites das dilixencias urxentes, ao procederse a súa citación mediante cédula xudicial e non pola Garda Civil, todo iso con posterioridade á finalización do procedemento administrativo".

Baseándose en ambos os argumentos, a defensa do presidente da Deputación de Ourense recorrerá ante a Audiencia de Zamora co obxectivo de "deixar sen efecto" o decorrer do xuízo o próximo 31 de maio.