Novo colapso nas Urxencias do CHUS, con 18 "pacientes graves nos corredores"

Imaxe de arquivo dun colapso en Urxencias do CHUS

Denúnciao a Asociación de Pacientes do complexo hospitalario compostelán, que engade que perto de 40 doentes, “con ingresos asinados”, agardaban o traslado a planta ocupando as zonas de traballo do persoal.

Continúan as queixas e protestas polo “colapso” e “saturación” de servizos de Urxencias de hospitais galegos. Desta vez a través da asociación da pacientes do HUS e sobre o servizo deste hospital da capital galega,.

“O 8 de xaneiro de 2020, ás 19:50 horas, 18 pacientes graves agardaban a ser atendidos, en padiolas e cadeiras de rodas, nos corredores de acceso dos servizos de urxencias do CHUS, soportando un dano moral e físico que non están obrigados a padecer. Mentres tanto, nada mais e nada menos que 38 pacientes, con ingresos asinados, agardaban o traslado a planta ocupando as zonas de traballo nas que deberan ser atendidos os pacientes do corredor”. Así describe este colectivo a situación que se vivía en Urxencias.

Para este colectivo, a xerencia do CHUS e o Sergas, “con absoluto descaro e desvergonza”, afirman que as nosas denuncias son falsas “a pesares das innumerábeis probas gráficas e de testemuños de pacientes que se viron na desagradable e indigna situación de ter que soportar o trato recibido no servizo”.

Os servizos de urxencias do CHUS, afirma a asociación de pacientes, levan anos sendo unha “trituradora asistencial” para pacientes e persoas usuarias, o que atribúen á falla dos medios materiais e humanos necesarios en todas as especialidades do clínico e nos servizos de atención primaria.