Colapso das urxencias na área de Ferrol

Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol (Google Maps).
Durante catro días o Complexo Hospitalario de Ferrol sufriu unha afluencia continua de pacientes que alterou o funcionamento normal das urxencias e doutros servizos do hospital Arquitecto Marcide. A incidencia da gripe agravou o problema. 

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol viviu catro días de colapso coincidindo coa celebración dos Reis e do patrón da cidade. Catro xornadas festivas nas que a entrada continuada de doentes con problemas crónicos, moitos afectados pola gripe, incrementou as exixencias asistenciais, desbordou os equipos de urxencias e copou as camas dispoñíbeis na planta de medicina preventiva e na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), entre outros servizos, segundo denunciaron representantes dos traballadores sanitarios.

 Os sindicatos critican unha reacción tardía por parte da dirección do centro de referencia, o Arquitecto Marcide, que se viu na obriga de activar o plan de continxencia de inverno e recorrer ás unidades de apoio previstas na área sanitaria. Dunha banda, a apertura da segunda planta do hospital Naval, con 36 camas reservadas para este tipo de continxencias, e doutra, o desvío de pacientes ao hospital xeral Juan Cardona, de titularidade privada.

"Poñer en marcha a planta do Naval require a contratación dun equipo completo de profesionais eventuais, que xa son os que soportan boa parte da actividade sanitaria destas datas", sinalan os delegados sindicais. A situación comeza a normalizarse, apuntan, grazas tamén a que se activaron as visitas e as altas durante os festivos.