A sanidade pública precisa máis que vendas

Folga da Atención Primaria en Vigo (Foto: Europa Press).
A falta de candidaturas á oferta de dúas prazas de pediatría no Hospital de Verín, onde xa naceron de urxencia dúas crianzas, o colapso no servizo de urxencias no Hospital Clínico de Compostela ou a convocatoria dunha manifestación na defensa da Atención Primaria o 9 de febreiro marcan o inicio de 2020.

O Goberno galego gabouse na presentación dos orzamentos de 2020 do monto dedicado á Consellaría de Sanidade, 4.109 millóns de euros. Unha cantidade destinada a facer esquecer unha década de recortes nesta Consellaría. Até 2014 o orzamento da Consellaría non cesou de minguar, cun tesoirazo acumulado que superou entre 2011 e 2017 os 1.000 millóns de euros acumulados. E a sanidade pública galega aínda non se recuperou, nin desta diminución do gasto nin da parálise na reposición de persoal. 

O 2 de xaneiro, a asociación de pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) denunciou "colapsos" no servizo de Urxencias. "Atendemos arredor de 450 urxencias diarias, e agora temos noticia de que queren abrir 80 camas máis", explica a Nós Diario a enfermeira de Urxencias e delegada da CIG María Xosé Suárez. No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) a atención a pacientes nos corredores de Urxencias é "crónica". Lucía Peón, integrante da comisión de centro, explica que cada día reciben  "entre 300 e 350 persoas". Nos días de máxima afluencia, supéranse as 400 consultas. 

"Por unha banda a Atención Primaria non funciona, e os seus profesionais non poden derivar aos pacientes, porque lles recomendan facer as menores derivacións posíbeis. Á vez eses servizos especializados teñen tempos de agarda de até ano e medio. A xente procura unha solución, que son as Urxencias", destaca Suárez. Precisamente, no marco da celebración de mesas de traballo para redeseñar a Atención Primaria servizo, organizadas polo Sergas após as folgas e manifestacións de abril e novembro, colectivos sanitarios anunciaron a posibilidade de novas mobilizacións en febreiro.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.