O servizo de partos de Verín reabrirá en febreiro, tras semanas de mobilizacións e protestas cidadás

Concentración ante o Parlamento da Galiza para protestar polo peche do servizo de partos do hospital de Verín (Imaxe: Nós Diario).
A nova xerente do centro comarcal avanzou hoxe a formalización, a vindeira semana, de dous contratos para o servizo de partos e urxencias pediátricas. Após dous meses de mobilizacións cidadás, tanto en Verín como ante o propio Parlamento da Galiza, o servizo reabrirá a comezos de febreiro.

A xerente o Hospital Comarcal de Verín confirmou este sábado, 18 de xaneiro, a formalización dos contratos de dúas pediatras para a atención do servizo de partos e urxencias pediátricas, que prevé reabrir os primeiros días de febreiro. Guillermina Agulla pon data a reapertura un servizo clausurado o 1 de decembro de 2019 por decisión da xerencia da área sanitaria de Ourense, desatando as protestas das profesionais do centro e da veciñanza das comarcas de Verín ou Monterrei.

Sucedéronse entón as protestas, algunha delas masiva, ante o hospital de Verín, o complexo de Ourense ou diante das portas do propio Parlamento da Galiza. As veciñas da comarca Verín denuncian que o peche obedece a un proceso de desmantelamento do seu hospital comarcal iniciado hai anos e apuntalado pola lei galega de saúde aprobada polo Partido Popular.

Cambios na postura da Xunta

A postura da Xunta da Galiza e do Goberno galego en relación ao peche do servizo de partos foi virando nos últimos dous meses. A finais de novembro, o Executivo apoiou a decisión da xerencia de Ourense, baseada presuntamente no descenso do número de partos na comarca de Verín e nas adxacentes. Daquela decretouse que as mulleres embarazadas debían acudir até o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, situado nalgúns casos a máis de cen quilómetros das usuarias.

As propias profesionais do hospital de Verín cuestionaron a xustificación do xerente de Ourense, Félix Rubial, e do Sergas. Explicaron que a publicación na que se basean, a guía Maternidad Hospitalaria, Estándares y Recomendaciones editada polo Ministerio de Sanidade en 2009, desaconsella a apertura de novos centros hospitalarios en áreas cun baixo nivel de nacementos, mais que incluso nestes territorios a xustifica cando se dan determinadas características como dilatados tempos de desprazamento.  

A maiores, o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña insistiu en que os criterios de “seguridade e calidade” do servizo de partos non estaban garantidos “pola baixa natalidade da comarca, que provoca que “as habilidades” das profesionais “non sexan iguais. “Un parto non é un infarto, hai tempo para facer os desprazamentos”, asegurou o conselleiro. En xaneiro o nacemento de tres bebés en Verín, un deles dunha concelleira do PP da Gudiña que non chegou a tempo ao hospital de Ourense, contradicía as súas palabras.

Após desbotar esta liña argumental, e presionada polas mobilizacións da cidadanía, o presidente da Xunta alegou que a falta de profesionais na especialidade de pediatría impedía a reapertura do servizo. “Se os atopara reabriríao en 24 horas”, chegou a afirmar nunha rolda de prensa. Por segunda vez en 2019, a Xunta publicou unha oferta de emprego para cubrir as dúas prazas de pediatría do hospital de Verín, mais as candidaturas chegaron fóra de prazo.

Contratación de dúas pediatras

Foi a nova xerente do centro comarcal, Guillermina Agulla, quen anunciou contactos con varias candidatas que se presentaran fóra de prazo. Tras argumentar que non se informaran con tempo suficiente do proceso, Agulla procedeu a realizar as entrevistas. Hoxe informou do seu suceso e da formalización, a vindeira semana, de dous contratos para cubrir as prazas vacantes. A xerente engadiu que o Sergas está a traballar nun protocolo para garantir a seguridade a atención aos partos que se retomará en febreiro.